viernes, 12 de junio de 2020

EN DOUS SORBOS

Ouleaba de ansiedade coma un lobo. Ouleaba desde o alto dun outeiro. O rapaz andaba dun lado para outro, inquieto, axitado, desesperado. E berraba. Ata penso que os seus berros eran sentimentais, moi sentimentais, algo así como de amor. Pola forma dos berros. Pola forma da mirada. Pola forma dos xestos. Si, creo que ouleaba de amor. Era un rapaz novo, de constitución algo forte e co pelo negro e moi rizo. O rapaz sentou, pero ó momento colleu tal impulso que xa directamente se puxo a correr polo outeiro abaixo. A costa do outeiro era tan pina que non lle quedou outra que correr ós tombos ata abaixo de todo. Chegou medio esnafrado, pero non lle importou. Seguiu correndo. E seguía berrando, ou sexa, ouleando de ansiedade. E de amor.

Cando entrou na cidade non tardou en buscar un bar cerca do barrio da súa amada. Xa dicía eu que ouleaba de amor. Sentou nunha mesa e pediu un café. Ó mesmo tempo xa estaba sacando do peto un móbil polo que axiña fochicou. Os seus dedos eran coma metralletas no teclado. Segundo escribía outeaba para as beirarrúas. E non ouleaba porque lle daba vergonza ou porque o poderían botar do local. A verdade é que o rapaz estaba desesperado. Os latexos ou a sufocación estaban a piques de lle rebentar o peito. Chegoulle unha mensaxe. Era ela! Tiña que ser ela! Porque os ollos brilláronlle e un medio sorriso asomou ós seus beizos. Non o pensou dúas veces: un e dous. En dous sorbos tomou o café. Menos mal que non lle estaba fervendo. Pagou e marchou. Viuna na rúa de enfronte. Ouleou por última vez.


Finca Fierro. Venres, 12 de xuño de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario