domingo, 28 de junio de 2020

TODO É POSIBLE

A luz do farol reflíctese sobre a mesa e un compás musical leva os pensamentos por entre os piñeiros dos Castros, por exemplo. Son as tres e vinte da tarde dun domingo calquera. Nubrado, pero calquera. A mirada vai e vén por un recanto da casa buscando o que non hai. Pero vexo cousas que me levan ós tempos de cando un asubío se convertía nun ergutío, ou de cando unha partícula de voaxa era todo un mundo ó descuberto. Nunca souben moi ben por que doe o peito cando latexa o corazón con tanta forza? Quizais porque hai desexos que van moito máis alá dun simple soño. Quizais porque hai carreiros que non van en liña recta. Quizais porque hai pexas que atan a unha idea. Por veces, o mundo é complicado. Aínda que todo sexa moi sinxelo. A cabeza traballa e traballa para volver o dereito cara ó revés, para converter o imposible nunha realidade. Porque todo é posible nesta vida. Ata resucitar de entre os mortos.

A luz do día penetra pola ventá e outro tema musical ameniza o tempo de espera. Hai esperas que desesperan. Porque cando a ansiedade furga por entre as veas da verza, esta abanea e abanea na procura dunha esperanza que non chega. Non obstante, a vida segue e a luz -do farol, do día- reflicte a virtude dunha ansia que está aí, que sempre estará aí. Porque o tempo nubrado, porque o domingo non son quen de parar, de deter uns brincos por entre as carballeiras das miñas aspiracións, dos meus anhelos, dos meus devezos.


Finca Fierro. Domingo, 28 de xuño de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario