lunes, 1 de junio de 2020

DÁME CINCO MINUTOS

Teño cinco minutos para dicir que o sol aperta, que entrou o mes de xuño e que acaba de cantar Sarah Vaughan. Cinco minutos nos que un sapoconcho pouco pode avanzar, pero se quere avanza; nos que unha lebre si pode percorrer uns centos de metros, tamén se quere, claro. Hai lebres que se quedan quietas. Como as persoas. Hai persoas que en cinco minutos arman unha revolución ou quedan tombadas coa nugalla sobre a súa alma, sobre o seu espírito. En cinco minutos un espírito esperto pode abarcar toda unha vida de felicidade.

Dáme cinco minutos”, díxolle aquela a aquel. E aquel colleu camiño dos sentimentos, deses que moitas veces van e veñen por entre as carballeiras dunha novela barata. Por certo, ollo ó dato, as novelas baratas son as que máis enganchan. Aquel, ó pasar polas carballeiras, collía de aquí e collía de alá algunha que outra flor de toxo. A flor de toxo é bonita. A flor de toxo é amarela. A flor de toxo é nosa. A flor de toxo sentaba ben nas mans daquela. Porque aquel ofreceulle todo un ramo a aquela. Que bonito. Dáme cinco minutos. En cinco minutos, o tempo fíxose sempiterno. Sábese ben que, en certas circunstancias, cinco minutos dan para moito. Como tamén se sabe que eses mesmos cinco minutos, noutras circunstancias, non alcanzan nin para un pobre suspiro. E hai suspiros que enchen toda unha novela... das caras. En cinco minutos tamén asoma a música de Vangelis e con ela podes percorrer o carreiro da ilusión. Desa ilusión que te deixa feliz e contento, pero sen ningunha medida do tempo. Porque este, ás veces, pode ser eterno ou efémero.


Finca Fierro. Luns, 1 de xuño de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario