sábado, 11 de diciembre de 2021

AS MATANZAS XA SON HISTORIA

A semana pasada deixounos unha ponte de festivos na que a moitos porcos chegoulles o seu san Martiño. Tal ponte, e principalmente nas aldeas, estase a converter na única etapa invernal na que os renchos caen a esgalla. Porque é precisamente neses días cando se pode botar man daqueles familiares que se achegan, xa que, agora, ata para coller un marrán, a ver onde consegues axuda.

Non obstante, e vendo fotos nos xornais, cae un na conta de que as matanzas xa non son o que eran. É que cambiaron practicamente o cen por cen. Deixou de matarse o porco co coitelo para que non berrase, para que non sufrise. Non sei se saberán algúns que é bo que o porco berre. Ó berrar, no esforzo, expulsa o máximo de sangue, polo que as carnes son moito mellores. (Paréntese para dicir que non comentarei nada sobre o sufrimento porque entón non me chegarían dous Recunchos para tal asunto). Agora mátanse cunha pistola, cun simple disparo. Métese igual o coitelo para sangralos, pero xa non expulsa o sangue como o expulsaría berrando.


Matar o porco ó coitelo tiña o seu aquel, pois facían falta varios homes para pillalo e tombalo no carro das vacas (era o que máis se usaba, xa que ó ter o pinallo no chan estaba moi inclinado e iso era bo para que o porco sangrase ben). Tamén había que saber agarralo: un home polo menos por cada pata e intentar cruzarllas, é dicir, o que collera a pata de abaixo erguela todo o que puidese para arriba e o de arriba para abaixo, e así o porco non podía facer tanta forza nos seus forcexos; porque moito coidadiño se chegaba a soltar unha pata! Algún home máis calcaba todo o que podía na cabeza do porco contra o pinallo do carro para que o matachín puidera estar máis libre e con menos perigo. E agarrarse ó rabo, iso deixábaselle ós nenos que querían ser xa mozos; coma quen que axudaban. Algo sempre axudaban, claro.

Antes, ós porcos, queimábaselles o pelo con fachóns de palla e axiña ía un por detrás rascando no porco con anacos de pedra de granito, canto máis ásperos mellor levaban eses pelos e esa pel queimada. Agora quéimanse os porcos con sopretes e a base de gas. Para lavalos usábanse cubos e cubos de auga (os de Baños de Molgas usabamos a auga quente grazas á burga), mentres que agora vai todo a base de máquinas de auga a presión. Aquela festa das matanzas hai que recoñecer que xa é historia.


Finca Fierro. Sábado, 11 de decembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario