viernes, 31 de diciembre de 2021

O MEU ATALLO

Sempre tiven “o meu atallo” como un, chamémoslle, lugar de inspiración. Pero hoxe, non houbo maneira. Empeceino pensando en algo para plasmalo aquí, neste papel en branco que, a ver agora con que o encho. Porque non me saíu nada; nin ó principio do atallo, nin polo medio, ni na súa fin. Coma se fora o demo. Mesmo pensei que foran os biosbardos os que non deixaron entrar as musas na miña cabeza. O que? As musas? Que é iso? Sei que a única e boa musa existente é a constancia. A constancia de pensar e fincar os cóbados para empezar a escribir. Claro que, alí, por moito que pensase non me poría a escribir; a non ser que deixase caer o caderno sobre unha pedra do valado, pero, que diría a xente que pasase! Eu o que quería era que me asomase algo á cabeza para escribilo máis tarde; pero, xa digo, non houbo maneira. Ás veces chégame cunha simple frase, mesmo unha palabra tan só, ou o título dunha película, ou algo dunha canción. Hoxe, nada de nada.


No medio do atallo vin ó gato de sempre e a moral debíame estar baixo mínimos (imaxino que por esa falta de inspiración) porque nin tan sequera o saudei. E mirade que sempre lle dirixo algunha palabra ou frase. E cando cheguei xa á fin do atallo, aquí xa empecei a entender e a asimilar que tal inspiración non asomase, porque tendo no horizonte a propia A Valenzá, a distracción do pensamento sería xa máis habitual, polo barullo e movemento que ocasiona tal lugar. Á volta tocará botarlle a rifa, a reprimenda ó meu atallo por non me dar algo concreto para escribir. Anda que se me chega a inspirar...


Café A Pedreira. A Valenzá. Xoves, 30 de decembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario