miércoles, 29 de diciembre de 2021

TODO UN DILEMA

Non sei que facer. Teño tantas cousas pendentes, que non sei por onde empezar. Sei que a mellor solución é non facer nada. Pero tampouco quero que me tachen de nugallán. A min, que sempre me ferve o sangue. Sempre fun un espírito libre, aínda que estivese preso. Son un espírito libre. Agora mesmo non estou preso. Teño liberdade para escoller o asunto ou o tema polo que empezar a facer algo, pero... Deus bendito, corróeme a dúbida. Que difícil é escoller ás veces.


É tan difícil que non sei se cantar unha canción ou asubiala, con todo o que me gusta asubiar. Tampouco sei se ver un partido de fútbol ou atender a unha etapa ciclista. Se collo polo camiño da esquerda, que pasa có da dereita? É certo que son asuntos ós que non lles daredes importancia. Que serían moito máis importantes esas materias máis físicas, máis útiles. Que tamén as teño, pero estase tan ben sen facer nada...

Se escribo, non leo. Se leo, non pinto. Se corro, non ando. E se ando, non troto. Todo un dilema. Se penso nun coche vermello, como vou deixar de lado un amarelo que quizais chame máis a atención. Non sei que facer, non sei como actuar. É moi fácil escribir nun ordenador, pero tamén é tan bonito facelo a bolígrafo. Menos mal que eu uso as dúas maneiras: agora mesmo estou dálle que dálle co bolígrafo; e agora mesmo estou pasa que pasa no ordenador. Neste caso, non houbo dilema. Pero, polo demais, non sei que facer. Todo un dilema.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 29 de decembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario