lunes, 13 de diciembre de 2021

ESPERANDO O ALUSTRO

Somos moi amigos de imitar moitas veces a certos personaxes ou heroes cinematográficos. Algúns quixeron emular a Superman e tiráronse desde tantos pisos de altura. Outros quixeron ser Gene Kelly e bailaron cantando baixo a chuvia. Eu vin a King Kong no alto do Empire State e quixen ser o gorila (eu, de gorila, nada de nada; pero recoñezo que de mono teño bastante) subíndome ata o pararraios da igrexa de Baños de Molgas, a 30 metros de altura, que non é moco de pavo. Cando os veciños se decataron de que non baixaría de alí ata que aparecese algún lóstrego, chegaron a mandarme comida e bebida neses aparellos chamados drons, porque sabían que o asunto iría para tempo. Pois, sen decatarme, subírame ó campanario en plena canícula do mes de xullo.


Non tardaron en sacar o san Salvador en procesión para que chovese. Este, como non quería mollarse, non lles fixo caso, claro. Algún espelido ata berrou desde o atrio que me farían fillo adoptivo de Baños de Molgas con tal de que baixase. Berreilles que eu tan só era fillo da Lola da Amparo e que morrese o conto. A finais de agosto xa se cansaran de min e eu, para entreterme, ouleaba coma os lobos cada vez que tocaban as campás os cuartos e as horas.

Foi a finais de outubro cando apareceu tal treboada que, en menos que canta un galo, un alustro ou chispa deume tal zorregada que me mandou a voar, con tan boa fortuna que fun caer no único palleiro de herba que había na Aira de Arriba. Aí si fun heroe por un día.


Finca Fierro. Luns, 13 de decembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario