jueves, 30 de diciembre de 2021

SEI MOITAS COUSAS

Sei que algún día caerán as estrelas sobre a Tapada dos Ferreiros e que John Williams compoñerá unha banda sonora no parque das Mestras. Sei que nunca chove a gusto de todos e que o universo é infinito. Nel, no universo, xogarei ó fútbol coas lúas ou satélites de Saturno. Terei de espectadores ós meteoritos. Sei que as pingas de orballo caen sobre sentimentos e pensamentos que están aí pero que hai que xuntar e mesturar aínda que sexa sen ritmo nin concerto.


Din que o saber non ocupa lugar. Ou si. Porque a ver onde metes, onde acumulas, onde pechas, onde encerras, onde gardas todo o que vas aprendendo. Tamén sei que todo o aprendido sae á palestra ou pérdese no tempo como bágoas na chuvia. É hora de morrer, dicía aquel de Blade Runner. Menos mal que non son Rutger Hauer, porque non estou disposto a morrer en ningunha película, nin tan sequera na realidade da vida.

Sei que aterrarán helicópteros no alto dos Castros e que algúns soldados se tirarán en paracaídas desde varios campanarios para caer, moi mansamente, sobre as guerras duns cantos. Sei que un suspiro é o latexo exterior dun sentimento e que os latexos rebentan os versos dos anhelos. Sei cousas que ninguén sabe e que non penso dicir para que non sexades coma min ou máis ca min. Sei que a ilusión, ás veces, vólvese decepción e que os soños se converten en pesadelos. Porque sempre hai un dereito e un revés. Isto tamén o sei moi ben.


Café A Pedreira. A Valenzá. Mércores, 29 de decembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario