lunes, 27 de diciembre de 2021

SUSPIROS

 

Rachei o silencio cun simple suspiro. Pero que suspiro! Longo, profundo, inmenso, intenso. Sábese que hai suspiros para colgar nas orellas, desde aqueles que mancan no peito ata os que se producen nun pequeno e silencioso lapso de tempo. Hai suspiros que son coma latexos. Suspiros que van e veñen por entre as corredoiras dos soños e pola nostalxia das vías do ferrocarril. Suspiros que aboian nun mar de silencio e calmo, moi calmo. Suspiros que furgan na carraxe das conciencias. Porque si, porque temos a conciencia chea de xenreira.


Suspiros que se lanzan ante uns beizos vermellos que se abren nun sorriso inmenso e infinito. Suspiros ante un amor que pasa ou está ou foi ou será. Suspiros que flotan para alcanzar aquelas ventás abertas que poden invitar a algo. Suspiros que son coma berros a causa do estrondo dunha bomba nuclear, ou dun disparo fatal. Ou suspiros que son coma ouleos porque a esperanza mingua, devece á velocidade dun alustro invernal.

Volvín rachar o silencio con outro simple suspiro. E aquí sigo, atento ós anhelos do que pode ser, aínda que non sexa nunca. Porque, a vida, por veces, é complicada. Ás veces é coma ese suspiro que lanzamos sen saber por que ou por quen. En moitas menos ocasións saen aqueles dos que non nos damos conta, pero que si os hai, porque sabemos que ten que habelos. Como o que lancei neste Pingas, pensando que era un simple relato forzado. Ou obrigado.


Café A Pedreira. A Valenzá. Luns, 27 de decembro de 2021

No hay comentarios:

Publicar un comentario