sábado, 18 de diciembre de 2021

FUTURO DE COR NEGRA

El pensou que a vida era de cor rosa. Ela debuxoulle nun recanto da memoria unha liña de cor negra. El engurrou o seu xesto e ela non lle apartou a mirada. A tristeza del volveuse opaca. Cada un quixo partir por camiños distintos, pero nin el nin ela atinaron a dar o primeiro paso. Foi coma se o tempo quedase suspendido e como se as cores do arco da vella non soubesen que facer, se acocharse detrás dunha nube ou se instalarse por diante do sol. El deixou de pensar en que a vida era marabillosa. Ela tan só lle soubo amosar un medio sorriso, algo tristeiro, algo indefinido e un pouco efémero.


El pensou que nunca espertaría do seu soño. Pero ela empezouse a esfumar ante unha realidade algo dura, algo cruel, como se fora invernal. El soubo ó momento que os soños tamén arden de ansiedade e que despois tan só queda a cinsa, esa cinsa que con pequenos sopros de indiferenza se espalla polas gaiolas da esperanza. Ela non di nada, tan só o contempla, monea a cabeza e marcha. El pecha os ollos e aínda así nota como pequenas pingas de orballo baixan pola súa cara. Pero ela non mira para atrás.

El pensou que o futuro sería de cor negra. Pero como se negaba a elo, buscou a cor da esperanza. Mais as pingas de orballo non lle deixaron ver ben o arco da vella e non soubo atopar a liña verde. El rachou o silencio cun berro. Cun berro seco, pero forte. Cun berro seco, pero que esgazaba. Cun berro seco, que o mantivo sen reaccionar. E ela perdíase cada vez máis na distancia e no infinito. El fincou de xeonllos... e chorou.


Finca Fierro. Sábado, 18 de decembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario