miércoles, 15 de diciembre de 2021

NO RAÍL DA VÍA DO TREN

Non me gusta que me provoquen. Aínda que son de carácter calmo, cando me quento, cando fervo ou cando me acenden a mecha estouro coma un foguete. Mellor aínda, como unha bomba. Hai uns dous ou tres meses non sei quen me buscou as pulgas de que eu non era capaz de andar sobre un raíl da vía do tren. Hai dúas semanas que marchei para a zona da estación do ferrocarril de Baños de Molgas, asentei á pata coxa (repito, á pata coxa) sobre un raíl e aí sigo. Confirmo: levo dúas semanas!


Tíñalle medo ó momento de cambiar dunha perna para a outra (porque nin os máis grandes heroes son quen de aguantar días nas mesmas posturas), por aquilo do equilibro ó saltar. Ó final foi pan comido. Cun pequeno salto cambiaba e non tan sequera me torcía, me bambeaba. O problema da comida e bebida solucioneino co retador (non todo nesta vida consiste en ir de chulos; tamén hai que facer algo útil), que se encargou de darme de comer a base de bocados pequenos e de beber por medio dunha palliña para non ter que facer grandes movementos.

Pouco a pouco a xente empezou a congregarse ó meu arredor. Ós cachos alentábanme con berros e aplausos. Ós dez días, e como vían que eu aguantaba coma os heroes, axiña me deixaron, os mamóns. Foi a partir de aí cando empecei a sentirme só. E xa sabemos todos o que significa a soidade. Pero nin por esas; sigo no raíl da vía do tren e confío seguir aínda unha semana máis. Ou ata cando a min me dea a gana. A min ninguén me incita así como así.


Café A Pedreira. A Valenzá. Mércores, 15 de decembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario