domingo, 12 de diciembre de 2021

XEA OU EMPEZA A XEAR

Xea. Polo que a noite queda fría. A friaxe nunca foi boa para ninguén. Moita calor tampouco. O tempo climatolóxico vai ó seu, non ó que nós lle ditamos. Ou sexa, que nunca chove a gusto de todos. Cumprir co gusto de todos é tan complicado que é imposible. Tamén é verdade que se o vento nos fora sempre a todos a favor, por que loitariamos? A vida sen loita é monótona, aburrida, insulsa, é dicir, unha quimera. Se a min me gusta o jazz, a outros lles gusta o blues, ou o rock and roll, ou o folk. Din que para gustos hai cores.


Será posible que sempre haxa alguén que diga algo. Tamén é certo que se ninguén di nada, a vida seguiría sendo monótona, aburrida, insulsa, outra quimera. Tamén é verdade que moitos din tantas cousas que, ó final, non saben o que dixeron nin o que din. Sábese que somos moi amigos de falar por falar. Ou como se adoita dicir: de botar a lingua a pacer. E hai que lembrar que pacer só pacen certos animais. Si, é certo, algúns somos máis que animais. Como dicir a animalada de que xea, cando na realidade tan só empeza a xear. Pero a noite si que está fría. Como debe ser, estamos no tempo. No inverno.

Como dixera que me gustaba o jazz, pois estou escoitando temas de jazz, que sempre me calman un pouco. Para non soltar tantas burradas xuntas, porque o asunto está a saír de nai. Claro que tamén se non digo nada, nin hai asunto nin hai caralladas. E ás veces certas caralladas ata remexen un pouco o vivir. Se non, todo sería monótono, aburrido, insulso e, lóxico, quimérico. Agora, cada quen que actúe como lle dea a gana ou que diga o que lle dea a gana. Pode dicir que xea ou que empeza a xear, e seguro que acerta.


Finca Fierro. Domingo, 12 de decembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario