jueves, 16 de diciembre de 2021

Ó RITMO DA MÚSICA

Crucei A Valenzá ó ritmo da música. Foi coma un experimento. Porque ás veces gústame experimentar. Xusto ó saír da casa tocoume un rock and roll, que sabedes que é música movida e hai que alixeirar as pernas. Pero como o camiño se inclina un pouco, fíxoseme entón máis ameno o andar. Logo do rock and roll asomou unha polca de Milladoiro, que, iso, xa, por ser de quen era, non me custou nada seguir o seu ritmo. Si padecín un pouco co Adagio, de Albinioni. Con este empreñei de melancolía e como dicía aquel: a melancolía é o pracer de estar triste. A ver, eu non estaba triste, pero era certo que a melancolía rabuñaba un pouco na alma. E logo, para máis aquel, sendo co adagio, a morriña faise máis duradeira porque tiña que acurtar os meus pasos ó ritmo dunha tartaruga ou sapoconcho.


Menos mal que axiña apareceu un tema da película “Os Picapedra” cun ritmo tan acelerado que non me quedou outra que botar a correr. Pasei da lentitude ás présas. E grazas a que o tema era curto non rebentei. Non obstante, o peor chegoume cando apareceu o Bolero, de Ravel, que como se me foi alá dos quince minutos, levoume case ás portas de Moreiras. Eu só quería cruzar A Valenzá! Antes de que rematara o bolero, rezaba para que me tocasen, logo, ritmos de rock and roll ou mesmo de heavy metal, xa que, á volta, desde Moreiras, todo sería costa abaixo. E todos sabemos que para abaixo todos os santos axudan. Polo demais, teño que recoñecer que estou contento co experimento, moi contento.


Café A Pedreira. A Valenzá. Xoves, 16 de decembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario