viernes, 1 de abril de 2022

A PITEDIÑA

Na actualidade, A Pitediña pódese dicir que é o lugar de celebración do campionato de billarda nas festas patronais de Baños de Molgas; e, tamén, o día 8 de setembro varias familias adoitan baixar a xantar baixo as sombras dos seus amieiros logo da misa e procesión no día grande das novenas dos Milagres. Pero, antigamente, A Pitediña era o último recanto das vacas logo de vir do monte Medo. Recanto de espera, se entende. Porque, ás veces, ou ben porque chovía ou ben porque non se controlaba perfectamente a hora, tanguíanse as vacas e ó chegar á Pitediña, ben porque xa escampara, ben porque aínda era cedo, deixábase que pacesen ou simplemente esperábase a facer tempo para que fose, máis ou menos, a hora exacta para chegar ás casas. Na Pitediña e mentres esperaban, seguro que había pelexas entre elas (xuntábanse unha morea de animais) ou seguro pasmaban mirando ó ceo, porque ese recanto estaba xa máis que pacido, xa non tiñan a que fincarlle os dentes.


Tamén pola década dos 70, A Pitediña víase invadida sen xeito nin modo por ducias de caravanas que viñan pasar os meses de verán (ou días), no que hoxe se chama turismo e antigamente veraneantes. Por certo, hoxe en día, as caravanas brillan pola súa ausencia. Unha pena.

A Pitediña era tamén o primeiro lugar que recibía a forza e as labazadas das crecidas do río Arnoia e o de Tioira. As labazadas eran tan fortes que o pobre recanto quedaba patas arriba. Hoxe, por sorte, o agarre do campo que ten aguanta mellor o ímpeto da auga. Por unhas ou outras cousas, A Pitediña, para Baños de Molgas, case é tan especial como a propia burga.


Café A Pedreira. A Valenzá. Venres, 1 de abril de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario