martes, 8 de agosto de 2023

DÁ MEDO POÑERSE Ó CAMIÑO


Dá medo poñerse ó camiño. Pola calor. Case mellor quedo un tempo onde estou: nunha terraza tomando un café. Estou á sombra e o café está rico. Aínda que semella que estou só, non é así. Tres pombas andan de troula pola beirarrúa, mellor aínda, por entre as mesas da terraza. Dúas delas andan dálle que dálle a unha galleta Oreo. A terceira, de cando en vez, pega a correr detrás das outras. Seguro que quere facerse a mandona.


Dá medo poñerse ó camiño. Sigo entón sentado. Contemplando como pasan os coches e como unha telenovela ou algo semellante asoma pola primeira canle da televisión española. Tamén dixen que estaba só, pero, nun alustro, xa se ocuparon dúas mesas. Así é coma con todo: uns entran e outros saen, uns soben e outros baixan, e os galegos depende. Depende do que nos interese. Somos os tales para dicirlle ós descoñecidos o que facemos. Mesmo tamén ós coñecidos. Depende do que queiran saber e do que un queira contar.

Dá medo poñerse ó camiño. Haberá que facelo. Menos mal que os heroes aguantamos o que nos boten: desde chuzos ata lapas ardentes, desde filosofías podres ata discursos elocuentes. Sempre foi así: cando veñen mal dadas, poñemos cara bonita e a aguantar. Eu aguanto ata o inaguantable. Son duro de roer. Normal; é moi complicado rillar os ósos. O dito: que hai que poñerse ó camiño. Pois alá vou. E terei que ir pola sombra, claro. Porque, a calor, en quince minutos, non minguou. É igual; alá vai este heroe a peito aberto.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 18 de xullo de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario