domingo, 13 de agosto de 2023

REPICAR E REPENICAR


O domingo, 6 de agosto, foi o día de san Salvador, patrón de Baños de Molgas. Na xuntanza típica familiar empezamos a falar dos toques de campá. É tradición que, durante a procesión polas rúas molguesas, deixen escapar o seu son mentres se percorre todo o traxecto. O seu son manual, non o automático, o eléctrico.


O asunto empezou con que se se dicía repicar ou repenicar. Uns dicían repicar e outros, eu mesmo, diciamos repenicar (algunha vez digo incluso tanxer). A R.A.G. (Real Academia Galega) admite os dous verbos. E repicar é o mesmo en castelán que en galego. Desde rapaz sempre dixen repenicar, e non porque fose máis galego (precisamente naquela época non é que deixasen usar moito a nosa lingua), senón porque penso que sempre se usou máis ese sinónimo que o de repicar.

Un pouco máis tarde tivemos a sorte de que, estando xa á sombra dos amieiros do parque Ansuíña, asomaran por alí os fillos do sancristán de toda a vida, que son os que repenican todos os anos na procesión, e ante a insistencia dun familiar, preguntoulle ós entendidos e confirmaron que eles sempre dicían repenicar. Non obstante, iso é o de menos (os dous verbos valen); o esencial é que hai que diferenciar os toques de campás. Había o repenicar relixioso, ou sexa, para misa e as procesións. Había o toque para os enterros, para os defuntos, ó que se lle dicía tamén “dar aviso”. E estaba o toque para os incendios. Ó mellor noutras parroquias igual teñen máis toques, pero eses tres creo que eran os máis importantes. A pena é que esas tradicións xa se van perdendo. Para falar dos toques das campás, cumpriría moito máis espazo que isto.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 8 de agosto de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario