martes, 15 de agosto de 2023

DE CAMIÑO...


De camiño vin escoitando o monólogo de Robert de Niro en “Taxi Driver” e con música de fondo do gran Bernard Herrmann. Non entendo nada de inglés, non sei o que di, pero que marabilla! Ás veces, sen entender nada, alcanzas algo así coma o sétimo ceo. Outras veces, cando se entende todo... Si, mellor non entender nada.

De camiño vin a modiño porque a calor é moita. Vin pola sombra. Algunhas veces boto man da intelixencia. Poucas, pero algunha vez cae. E aínda así, vindo pola sombra, a galbana, a preguiza, a nugalla non me deixaba pensar en algo máis coherente para escribir. Tan só me viña á cabeza O Alustro preparando a gadaña para segar na herba. Souben ó momento que non procedía tal historia, tal conto, tal relato. Como vou meter a ese home baixo esta calor!, exclamei. Xa sei que cando se sega a herba non hai horario de verán. Pero iso é na realidade. Unha realidade que vivín moitas veces e de aí que saiba o que é. Na ficción non podo meter o Alustro baixo este sol que lle asaría os miolos.


Así é que torcín o pensamento (se é que este se pode torcer) e optei por empezar polo monólogo de Travis. Decidín isto xusto cando ía cruzar un semáforo... ó sol. Botei a correr, claro, para que non me pasase coma o segador real. Nun amén xa estaba na outra beirarrúa, á sombra. Este detalle, este pequeno detalle foi suficiente para que ós meus beizos asomase un sorriso.

Non obstante, a preguiza seguía facendo das súas: que non tiña tema suficiente para pasar o tempo tomando o café. Mais todo foi cuestión de poñerse. Púxenme.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Martes, 25 de xullo de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario