miércoles, 16 de agosto de 2023

SAÍR ESCALDADO


Pintei o ridículo querendo levar o santo en procesión sobre o dedo índice da man dereita. Xeralmente levamos a san Salvador sobre os ombreiros por certas rúas de Baños de Molgas. Catro andas, catro homes ou homiños. Ás veces o santo ladea de tal maneira que é unha milagre que non acabe coa madeira e xeso no chan. Ladea porque, por un lado, van os homes e, polo outro, os homiños. (Paréntese para comentar que xa hai uns anos que as mulleres tamén se apuntan a levar o santo; soas e mesturados cos homes) O bambán do san Salvador é tan ostentoso que o acio de uvas que leva colgado sobre o dedo polgar da man dereita semella que vai emprender o voo para calquera dos dous lados, das dúas beiras. Nunca ninguén bailou tanto no baleiro.


De cando en vez hai cambio de homes e homiños. Por veces iguálase un pouco a inclinación e, tamén por veces, inclínase aínda máis cara ós homiños. Eu, cando fun de homiño (non son pequeno, pero sempre asoma alguén que debería xogar ó baloncesto de pivote), e de chulo, erguín o furabolos e quixen soster o santo. Partín, rompín, escachei o dedo, claro. Só a min se me ocorre. Fun de chulo e saín escaldado.

Confeso que mirei para o santo de mala maneira. Con todo o que eu lle quero. Menos mal que só foi un instante. Vinlle aquela cara de santo e xa se me foi a dor e a carraxe. Cambiei o dedo furabolos polo ombreiro dereito. A procesión avanzou polas rúas de Baños de Molgas.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Mércores, 26 de xullo de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario