jueves, 10 de agosto de 2023

RAÑAR E FURGAR


Furguei no peito ata que furei o costelar. Conseguín ver como latexaba o corazón. Ganas me deron de collelo e arrincalo. Tiven medo de morrer. Así é que collín un saco de cemento, fixen unha pequena masa e pegueino como puiden. Iso empezaba a doer, pero os heroes aguantamos e facemos que non sentimos nada. Aínda que a valentía proia de carallo.


A inercia levoume a man dereita á barriga. Rabuñeina de tal maneira que conseguín ver o fígado. Estaba como para comelo con patacas. Como se comía o fígado dos porcos o primeiro día da matanza. Recoñezo que algo bruto si son. Noto xa que é coma un tic, coma un hábito que raño e rasco deica facer sangue e atravesar as entrañas. Ó mellor igual é o subconsciente aquel de cando miña nai me ameazaba con arrincarme a pel. A cabeza ás veces vaise pola tanxente ou escapa pola estrema.

Rañei no coiro cabeludo ata que cheguei ós miolos. Souben ó momento que o meu cerebro era pouca cousa. Tampouco lle pedín nunca grandes expectativas á miña vida. Nin llas pido. Cada un é como é, e eu, por suposto, son como son. Agora mesmo, un home coa cabeza aberta e cos miolos ó aire e moi propensos a ser pasto ou bocado exquisito das pombas que andar a peitear á miña beira.

Rañei ese sitio que todos pensades e descubrín que... Que cada un pense o que lle conveña, que un servidor vai coller fío e subela para coser esas toleas que asoman de cando en cando.


Cafetaría Tarona. A Valenzá. Xoves, 20 de xullo de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario