viernes, 11 de agosto de 2023

O CABLE QUE NON ERA


Que contrariedade! A culpa é de ver tantas películas, principalmente ianquis e policiais. Que cortei o cable que non era, e a bomba estourou. Esnaquizounos a todos. E eramos uns cantos, que estabamos todos xuntos nunha terraza. Ben que vin a bomba. Estaba á miña beira. O dito; o das películas, que fun de heroe, ou sexa, de chuliño e coa media navalla que traio sempre comigo cortei o cable que non era.


Vin carne humana por todos os lados. Digo que vin porque, aínda que os meus ollos estaban, un sobre a mesa na que me atopaba, e o outro sobre unha cadeira da mesma mesa, conseguía ver con eles. Non sei por canto tempo, pero vía. Por exemplo, a dous metros xustos estaba un cacho dunha perna dunha muller, o que vai desde o xeonllo ata o cotobelo. Pegado a ese xeonllo había unha lingua cun aro (eu chámolles máis ben ferretes, porque me recordan ós que levaban os porcos no fociño). Sei que era de muller; lémbrome perfectamente dela.

Sobre un anaco do meu cerebro había unha man de home como se me estivera acariciando. Era de home porque a man era áspera e grande. Ai Deus!, a tan só uns cinco centímetros da miña lingua estaba o bico do peito dun seo feminino, dunha teta. Que carallo, a miña lingua ata se inchou un pouco e fixo esforzos para lamber tan protuberancia. Non sei se foi polo gozo, pero axiña notei como perdía visión do ollo dereito. E co esquerdo tan só puiden ver como o meu corazón deixaba de latexar. Puto cable! Maldita bomba!


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 22 de xullo de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario