miércoles, 23 de agosto de 2023

DEUS NON SABE NADA


Se agora mesmo se me dera por abrirme en canal, coma os porcos, seguro que vería como a carraxe sobe por min a gran velocidade. E todo por culpa da manida frase “cada un sabe as súas e Deus as de todos”. Mentira! Deus non sabe nada. Nada de nada. Se soubera, só que fose algo, non deixaría que certas falcatruadas imperasen e estivesen á orde do día. E non dou exemplos porque aínda me alteraría máis.

Chégame con ver o que me está pasando. Xa perdín a conta dos días que levo cruzando o río Arnoia á altura das Mestras, en Baños de Molgas. E non cruzándoo pola pasarela, non; senón goldrando, arremangadas as perneiras do pantalón ata os xeonllos. Así, dos Campos ás Mestras, das Mestras ós Campos. Unha e outra vez. Unha e outra vez. Unha e cen veces. Que digo cen veces!; se levo polo menos nove meses e dous ou tres días, como unha preñez.


Deus non sabe nada. Isto é peor que un calvario, que un viacrucis. Teño as plantas dos pés encetadas e algúns dedos xa rotos a causa dos golpes contra as pedras. Chego a unha beira, e volta outra vez. Sen acougo. Sen folgos xa. Pero hai algo que non me deixa determe. Como tampouco sei como empecei, que foi o que me empurrou a goldrar o río desa maneira. Confeso que ás veces cometo toleas, pero son querendo, “porque se me dá por aí”; esta acción de goldrar unha e outra vez non sei a que vén.

En calquera momento caio esgotado e afogo. Non consigo parar. Deus non pode saber desta agonía miña. El nunca sabe nada. Nunca. Nada.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 10 de agosto de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario