domingo, 23 de marzo de 2014

CADEAS




              O mércores 12-03-2014 rematei de ler o libro galego “Cadeas” (2013), de Xabier López López, que acadou o premio Xerais de Novela 2013. Case se pode dicir que ansiei este libro desde que lin algo del nun xornal. Incluso optei por reservalo na biblioteca de Ourense. Pois ben, axiña me decatei de que non me ía gustar. E lin as súas 398 páxinas por lelas. É máis, a dez días de rematalo, así de memoria, xa non lembro de qué vai. Imaxino que se me virán retallos tan axiña como escriba a súa contraportada.

CONTRAPORTADA:

Nun porto afastado, Manuel Antonio mantén unha fermosa historia de amor cunha sorprendente muller á que coñeceu grazas a un estraño navegante chamado Joseph Conrad. Un rapaz de 15 anos relata a época en que os veraneantes madrileños eran o punto de todas as olladas e desexos da súa vila. Dous grupos de mozos provocan unha liorta durante unhas festas patronais ó inicio da Transición. O músico dunha orquestra e a camareira dun ambigú establecen unha engaiolante historia de amor…
“Cadeas” é unha novela de novelas. Un baúl de historias que denotan unha prodixiosa capacidade para fabular, para recrear, para imaxinar. A novela iníciase a partir da anécdota dun escritor que descobre na praia unha muller nova que le unha novela súa. Entre ambos os dous establécese unha curiosa e incómoda relación que nos conduce a un debate sobre a identidade do que é ou non é hoxe unha novela. Desde o fragmentarismo dun narrador que ás veces é pop e ás veces é culto, “Cadeas” paséanos por diferentes atmosferas, rexistros e historias con gran sentido do humor e cunha áxil ironía.
Esta é a novela dun ventrílocuo, alguén capaz de enredarnos a través de diversos xogos textuais que pretenden evidenciar para o narrador a imposibilidade de contar, problematizando as dificultades da escrita.

SOLAPA DA PORTADA:


Xabier López López (Bergondo, 1974) reside en Betanzos desde hai dúas décadas. A súa primeira novela foi “Biff, Bang, Pow!” (1997). No ámbito infantil e xuvenil publicou tamén “A vella quenlla perde os dentes” (2005), “Cando Artur non era rei” (2012) e “Son un can!” (2013). Como narrador para adultos deuse a coñecer con “Doutor Deus” (1999), á que seguiron “O caderno” (2001, Premio Risco de Literatura Fantástica), “O mono no espello” (2002, Premio Lue de Novela Curta), “A estraña estrela” (2003), “A vida que nos mata” (2003, Premio García Barros e Premio da Crítica Española), “Trinta e dous dentes” (2007), “1989” (2013) e “Cadeas” (Premio Xerais 2013). A súa obra está traducida ó castelán e portugués.

No hay comentarios:

Publicar un comentario