viernes, 21 de marzo de 2014

SIMPLES COINCIDENCIAS


              Nunca crin nas bruxas nin nas meigas nin nos fantasmas nin nos milagres; tan só admito as coincidencias. Hai uns días estaba a traballar na leira da miña escravitude, que penso que está a uns cento e pico quilómetros do mar, e ó mesmo tempo sobre os meus oídos descansaban uns auriculares que me levaban ó cerebro esa actividade, esa arte que amansa ás feras. Pois ben, xusto no momento en que vin unha gaivota planando sobre o ceo do Ribeiro, o tema musical dunha banda sonora que estaba escoitando naquel momento cuspía de fondo o son, o chío dunhas gaivotas. Unha gaivota ante os meus ollos a cento e pico quilómetros do mar e unhas gaivotas nos meus oídos. Unha simple coincidencia. Sei duns cantos que se lles sucede iso, zas, bruxería!, un meigallo!, o demo!, a fin do mundo! Non é a primeira vez que me acontece isto. Lendo os xornais e lendo, por exemplo, unha palabra rara, dálle!, esa mesma palabra chouta da televisión ou dalgunha persoa que estea á miña beira. Sigo dicindo que son simples coincidencias.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Xoves, 13 de marzo de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario