domingo, 30 de marzo de 2014

SÁBADOS PARA ROMPER O ESPIÑAZO


              Non é que tivese que madrugar moito, pero Remixio Ronquido Orellas sabía que tiña que levantarse cedo para ir traballar, e se por cedo se lle chama ás oito e pico. Para ser un sábado, iso é madrugar. Amais que, o pobre home, ten que facer o mesmo todos os sábados, que é cando pode empregar todo o día para fochicar nas leiras, pois o resto da semana o seu traballo é outro: facer bloques de cemento. Remixio Ronquido Orellas só descansa os domingos, cando descansa. Ó longo de todo o ano aínda traballa nunhas cantas festas de gardar. O seu primeiro traballo non dá para moito. Este sábado, unha vez máis, tamén marchou só porque os seus irmáns pequenos tiñan partidos de fútbol; un ás dez e o outro ás doce. Remixio estaba un pouco farto dos partidos dos seus irmáns. Así, polo bóbilis bóbilis, tocáballe a el romperse o espiñazo nas leiras do seu pai. Este sábado dedicou a mañá a espichar unhas estacas coas que rematou, por fin!, a leira. Levaba case tres meses con ese traballo. Entre o mal tempo e outras faenas pensaba que xa se eternizaba na Ladeira do Carballo. Pero rematou, e pola tarde dedicouse a matar cun herbicida aquelas malas herbas que se lle apoderaban da finca. Traballou á présa, para asistir aínda a un enterro. Pódese dicir que aproveitou o día. E os seus irmáns durmindo a sesta…


              Café Aitana 39 da Valenzá. Sábado, 29 de marzo de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario