martes, 25 de marzo de 2014

OS ROUPEIROS


              O home que está sentado no banco do parque chámase Maeloc Brega Suárez, pero de bregar, en principio, non ten nada. Está sentado. E nótase a nugalla na cara e, por suposto, a preguiza no lombo; pola forma que está no banco: cos brazos en cruz, co cu para adiante e coas pernas estiradas. O seu pensamento está a dicir: coma Deus! Así calquera! O que máis lle custa agora mesmo a Maeloc Brega Suárez é seguir o camiñar e o voo das pombas que están preto seu. Tanto lle custa que nin move a cabeza, tan só as segue coa ollada. É fillo de Olaf Brega Lanza (que tampouco é que bregase moito, de aí que Maeloc tivese a quen saír) e de Ladaíña Suárez Oracles. A toda a familia, os veciños chámanlle Os Roupeiros. Semella que nos tempo do avó de Maeloc (Primitivo, O Roupeiro, así, sen máis) a familia, toda a familia se dedicaba a andar con sacos de roupa dun lado para o outro, e ninguén sabía por que. Non os vían mercar. Non os vían vender. Pero sempre carrexaban sacos de roupa. Os Roupeiros.


              Café Oren Express da Valenzá. Martes, 18 de marzo de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario