Se collo o ascensor e viaxo á
época do colexio dos Milagres, é dicir, á década dos setenta, nun recanto da
memoria atopo aqueles castigos ou sancións ou represalias que estaban á orde do
día. De xeonllos cos brazos en cruz e con libros nas mans. Copiando cen ou
duascentas veces tal frase ou cal parágrafo. Sen recreo. Sen xogar ó fútbol.
Unhas labazadas por aquí, un arrinque de pelos por alá, unhas amoxetaduras nos
brazos e outras cantas cotobeladas na cabeza. Incluso unha noite, o padre
Blanco, nos tivo ata as dúas da madrugada, de pé, firmes, no campo de fútbol a
todo o colexio. O cómic do Jabato espichado
nas costas dun servidor e un amigo con eses alfinetes que levan as monxas na capucha
da cabeza, no velo. Pero nunca nos oito anos que botei nese colexio nos
deixaron sen comer. É máis, castigábante en tal caso por non comer o caldo ou a
potaxe ou as lentellas, que era o que máis imperaba. Hai un tempo, o Centro de
Ensinanza Infantil e Primaria de Silleda castigou a trece nenos sen comer. A
estas alturas! Nestes tempos! Agora, a Consellaría de Educación
prohíbelle ós colexios castigar ós nenos sen xantar. É coma se retrocederamos
ós tempos da posguerra. Incluso no mero feito de prohibir. Hai certas normas
que ninguén llas ten que ditar ós colexios. Ninguén lle tiña que prohibir nada
porque se entende que ese castigo non procede hoxe en día. Nin antigamente.
Pero xa se sabe qué pasaba antigamente.
Café Oren Express da Valenzá.
Xoves, 6 de marzo de 2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario