lunes, 31 de marzo de 2014

GALIZA MUTANTE, PODER NUCLEAR




              Onte, domingo, 30-03-2014, rematei de ler o libro  galego “Galiza mutante, poder nuclear” (2012), de Tomás González Ahola. Foron 315 páxinas que empecei con interese, pola linguaxe coa que está escrito e incluso a diversión, a fantasía e o humor do mesmo, pero pouco a pouco, ó ir coñecendo esa linguaxe, foi a historia o que empezou a fallar. E así, cara á metade, xa estaba desexando rematar o libro.

              CONTRAPORTADA:

              Moitas xeracións pasaron desde aquel aciago día en que o Froilán, o Santo Vingador, baixou dos ceos para alagar co lume purificador as cidades pecaminosas da Xente Vella. Agora, a vida retornou á terra fértil que se estende desde os Montes Áncaros até o Mar da Fin do Mundo e a semente dunha nova civilización agroma en Cmph´sthulhu, a Cidade dos Sete Círculos. Mais a sombra dun perigo álzase nas marcas distantes e descoñecidas do nordés, e tamén aniña nos corazóns dos cobizosos que se agochan dentro dos muros da urbe.
              O Pastor, Rocho, Holifoz e Costenla, catro mutantes acabados de chegar a Cump´sthulhu, terán que enfrontarse ós máis estraños perigos na que será a aventura da súa vida, na que se cruzarán cos máis variopintos personaxes, como o capitán Xacho-beu, os Sete Bispos Mutantes e outros moitos enxendros nacidos deste novo e delirante mundo.

              SOLAPA DA PORTADA:

              Após nove días de ingreso hospitalario nos que os médicos non deixaron de discutir se ceibalo ó mundo ou non, Tomás Valentín González Ahola arribou a San Adrián de Cobres, Vilaboa, o día en que o coronel Tejero obrigou a ter que recebar o teito do Congreso dos Deputados do Estado Español. Ó longo da súa vida fixo arte da expresión “aprendiz de todo, mestre de nada” e gañou o pan como feirante, musico verbeneiro, técnico de son, editor de banalidades, impresor de folletíns e mesmo espadachín desfacedor de entortos.
              Gábase a miúdo de que os seus estudos universitarios de Filoloxía Clásica e predoutorais de Literatura Comparada pagáronos “La ventanita del amor”, “El chacachá del tren” e “Como baila Carmiña”, en clara referencia ó seu escuro pasado de guitarrista pachangueiro. Así e todo, xa abandonou o glamuroso mundo dos palcos de cemento e os terroazos, e agora gaña a vida cuns oficios pretendidamente serios, como impresor en Sacauntos Cooperativa Gráfica e como editor en Urco e Contos Estraños, o que explica que este libro se chegase a publicar. “Galiza mutante, poder nuclear” é a súa primeira novela, e foi escrita na que un día non moi afastado será a Cidade dos Sete Círculos.

              SOLAPA DA CONTRAPORTADA:

              Este libro é o primeiro experimento de edición conxunta de Urco editora e Contos Estraños editora, un proxecto que non sabemos como acabará, se con grandes éxitos ou con importantes altercados.
              Urco é unha empresa editorial fundada en 2007 polo autor desta novela, que leva desde ese ano teimando en traducir ó galego os grandes clásicos da ciencia ficción, o terror e a fantasía, onde destaca a edición das obras completas de H. P. Lovecraft, por exemplo. En 2010 inaugura unha nova liña editorial, chamada Alcaián, onde teñen cabida as autoras e autores galegos que colleitan estes xéneros. Nesta colección cabe destacar a exitosa serie de Fernando M. Cimadevila O mundo secreto de Basilius Hoffman.

              Contos Estraños é un proxecto editorial ligado ó mencionado Fernando M. Cimadevila e a Tomás González Ahola. Trátase, dalgún xeito, dunha especia de spin-off de Urco, e leva desde finais de 2011 traballando na promoción da literatura fantástica galega, a través da súa publicación trimestral Contos Estraños, unha revista tipo pulp, e as súas distintas coleccións de narrativa. Un dos maiores logros de Contos Estraños é ter descuberto e esporeado varios autores que no futuro terán moito que dicir. Se non, tempo ó tempo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario