viernes, 25 de septiembre de 2015

BALAS CONTRA CANTAZOS


Guerra das bandeiras. Guerra pola secesión. Guerra de Siria. Guerra de declaracións. Guerra polos refuxiados. Pero ningunha tan esperpéntica ou tan salvaxe ou tan incomprensible ou tan rabiosa como a de Israel. Pois resulta que a policía israelí poderá usar balas reais contra os tiradores de pedras, que, para máis aquel e a maioría das veces, adoitan ser nenos. Balas contra cantazos. Algo así como usar un fouciño ante un insulto ou como espichar unha forquita por unha ollada revirada. É dicir, que Israel ten todo o beneplácito do gardián das democracias, ou sexa, o imperio ianqui.
En Israel ganan as balas, pero, ai!, en Vigo ganaron os cantazos. Pedras contra balas. Celtiña contra o Barça. O humilde contra o poderoso. Ó final a Biblia vai ter razón: David venceu a Goliat. E de que maneira! I, xa sei que Goliat seica non era Goliat; pero aínda non sendo Goliat non é moco de pavo “encasquetarlle” catro cantazos. En plena fronte! Quen lle dera eses cantazos ós nenos palestinos.

En Israel ganan as balas, en Vigo as pedras e na vendima mestúranse as pedras coas balas. As pedras poden ser a camaradería existente neses días. As balas veñen sendo o cortar as uvas (agachados), o carrexar os cestos (cos riles a rebentar), o cargar os cestos (cos riles e brazos esgotados) e o prezo que che van pagar (a dor da impotencia). Tamén se adoita dicir: traballar para o inglés. Semana de balas contra cantazos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario