Heladio
Orixinario Sanmartín pensaba que estaba un grao por enriba da merda, pero non
era máis que calquera veciño de Partovia. Escribira tres libros sobre os
penedos que había detrás da súa casa e xa se cría un escritor profesional. No
primeiro libro describía o seu colorido (gris, por suposto) e entre que
analizaba a cor por cada punto cardinal, alá encheu as 60 páxinas das que
estaba composto o “memorando”. Coa súa publicación, Heladio Orixinario
Sanmartín empezou xa a comportarse de forma estraña. Algo así como “aquí estou
eu e os demais que se f…”. No segundo libro analizou a dureza dos mesmos
penedos. E fixo máis ou menos o mesmo que no primeiro: que cun pequeno pico
entrounos por aquí e por alá, e segundo as lascas que choutasen, os penedos
eran de tal ou cal consistencia. Publicoullo o concello de Partovia e na súa
presentación xa se viu vir a cousa: un grao por enriba da merda. Andaba por
todas as rúas como un militar: cabeza alta, vista ó fronte. No terceiro, a
análise versaba sobre os bichos existentes que en algún momento pousaban nos
penedos; desde o propio ser humano (vaia bicho!) ata a pulga máis raquítica. Este
tema deulle para 200 páxinas xustas. E da súa publicación xa non digo nada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario