Calquera quería coller o niño de
azulenta ou paxara parda, pero ninguén lle chegaba. A súa situación non era moi
accesible e os rapaces non estaban moito para a faena. Eles conformábanse con
descubrilo e punto. Os rapaces eran cerca dunha ducia e cada un deles quería
vivir a súa aventura. Así, un deles pasaba do niño e andaba na procura de
lagartos. Outro quería que un sapoconcho ou tartaruga asomase pola beira
esquerda do río Arnoia. Algúns máis corrían detrás dunha pelota de tenis que
facía de balón de fútbol. As porterías eran catro toxeiras e os porteiros
adiantaban un paso por aquilo de se se tiñan que tirar a pola pelota. A inercia
dun porteiro é tirarse. Cando o sol empezaba a acochar por detrás do outeiro de
Brandín, xa todos estaban sentados planeando o día de mañá. O día de hoxe, para
eles, estaba a piques de rematar. As súas idades eran para estar ás nove na
cama, ou como máis tardar, ás dez. Romperon a roda e, amodiño, moi amodiño,
cada un colleu camiño da súa casa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario