viernes, 25 de septiembre de 2015

TERAPIAS PARA A ANSIEDADE



              Eu “paso” da ansiedade, pero estes días andei máis nervioso ca nunca. Porque non podía escribir. Porque non mandaba ningún relato a este xornal. Sinceramente, paso olimpicamente da expresión “stress”, pois para un servidor esa palabra vencina sempre coa mellor terapia existente: a do traballo. Antigamente, o sacho, a aixada, o fouciño, a fouce, a gadaña, o carro, o arado, as vacas eran a mellor terapia para esa “enfermidade”. Agora son a peta, o sacho, a fouce, a poda, a rodriga, o esterco, o atar, o enramar, o esfollar, a vendima, a viña toda as auténticas terapias. Botei cinco días practicando terapia, pero estaba  en continua tensión. Por non escribir. Certo que podía facelo pola noite. Pero chegaba á casa e o único que quería era estomballarme no sofá e ver unha película. O de ver a película é un dicir, pois axiña perdía subtítulos e diálogos porque, pouco a pouco, íaseme a vida. A única razón pola que desexaba rematar coa maldita vendima (á parte do cansazo) era porque tiña que escribir. Estou escribindo. O que significa outra terapia máis para vencer o desacougo, a presión.

No hay comentarios:

Publicar un comentario