viernes, 18 de septiembre de 2015

COMO AUGA DE MAIO… NO VERÁN.



 
               Atoparse con grandes autoridades nos anos 50 e 60 do século pasado era un asunto de palabras maiores. Era algo así como agachar a cabeza, saudar e quieto parado!... non fora o demo. E se tal encontro transcorría nunha vila pequena como Baños de Molgas, onde a timidez ou, mellor dito, o medo ó poderoso era máis grande, ata optabas pola acción de dar marcha atrás ou coller por outra carreira (lembremos que naqueles tempos a maioría das, hoxe, rúas eran carreiras) para evitar o saúdo e a vergonza. Non obstante, nesa vila termal había un Grande de España ó que esperabamos como auga de maio nos meses de verán. Dicir Grande de España é dicir a máxima dignidade da nobreza española na xerarquía nobiliaria. Empezou a regularse e a establecerse no reinado de Carlos I no século XVI, pero tal distinción xa se viña usando nos tempos da monarquía visigoda.
               Don José Bernardo Muñoz y Acebal era o 5º Duque de Riánsares e o 5º Marqués de San Agustín. A verdade é que os dous títulos impresionan. Pero para os veciños de Baños de Molgas era simplemente… O Duque. E punto. Vivía en Madrid e pasaba todos os verán na casa das Señoritas, no casco vello da vila molguesa, porque casara con dona María de las Mercedes Santa Marina y Rodríguez, natural da vila.
               Maoritariamente as lecturas dos libros históricos lévante polo poderío desas liñaxes, polo abuso deses personaxes (dereito de pernada, pago en especies, etc.) e polo medo a ese poderío; mais o trato co Duque de Riánseres, O Duque de Baños de Molgas, mandaba ó nabo, ó garete todo ese medo, toda esa veneración, toda esa angustia.
               Veneración que, emporiso, si sentiamos realmente polo noso Duque. Porque cando este chegaba á pequena vila, e xa desde o primeiro día, empezaba co seu ritual: que non era outro que percorrer as rúas e carreiras na procura de nenos para darlles caramelos (quen comía caramelos naqueles anos?) e dos homes para ofrecerlles cigarros e puros. Logo, por enriba, estaba a súa sociabilidade, o seu trato coa xente, o seu interese polos veciños e algunha que outra broma. Sempre recordarei a que me gastaba a min: cada ano que me vía dicíame que cada vez estaba máis gordo (porque cada vez era máis fideo). O día do patrón, San Salvador, 6 de agosto, xa sabiamos que unha das andas do Santo era súa. Normal, daba por ela 10, 20, 30 mil pesetas. Naqueles tempos! As outras tres collíanas os demais veciños ó mellor por 100 ou 500 pesetas, algunha ata chegaría ás 1.000; pero quen alcanzaba ó Duque!
               Don José Bernardo Muñoz y Acebal, O Duque, nacera en Somió (Xixón) o 18 de agosto de 1923 (algunhas fontes sinalan o 1924) e recibiu os títulos nobiliarios por medio dun tío. O Ducado polo que é máis coñecido creouse en 1844 (durante a minoría de idade da raíña Isabel II) pola raíña rexente María Cristina de Borbón (viúva de Fernando VII). O nome de Riánsares alude ó río Ánsares ou Riánsares que pasa preto de Tarancón, na provincia de Cuenca, de onde era orixinario o primeiro Duque. Tivo unha filla que é agora a 6ª Duquesa de Riánsares. O “noso Duque” faleceu en Madrid o 17 de setembro de 2008. Nunca esqueceremos os caramelos (de nenos) nin os cigarros e puros (de adultos). Ó chegar de vacacións ía polas casas saudando á xente e cando marchaba ía polas casas despedíndose da mesma xente. Grande de España… enorme en Baños de Molgas!

No hay comentarios:

Publicar un comentario