lunes, 7 de marzo de 2016

A HISTORIA DE XENTE SEN HISTORIA





               Nunca te deitarás sen saber unha cousa máis. Iso din. E con razón. Se alguén, nunha conversa de bar, por exemplo, saca o tema dos escravos, ale, a memoria lánzase ás imaxes da serie televisiva “Raíces”, onde Kunta Kinte, pobriño, as pasaba apertadas. E fóra da imaxe televisiva do ano 1979, a escravitude é o mesmo que dicir “negro africano no país dos ianquis”. Quizais outra imaxe sexa a dos barcos transportando (a quen?)... ós negros africanos sucando o Atlántico camiño de Estados Unidos ou Inglaterra.
               Pero nunca te deitarás sen saber unha cousa máis. E quen nola fai saber é a escritora luguesa Elisa Vázquez de Gey, que cando presentou o seu libro “Unha casa en Amargura” na cidade das Burgas soltounos a gran bomba do día: que tamén houbo escravos galegos! Escravos galegos! E non no país da escravitude, se é que se pode opinar así dos Estados Unidos daqueles tempos, senón en Cuba! Deixounos un pouco abraiados. Aínda que o gran golpe chegaría cando nos contou que un dos grandes artífices da escravitude galega en Cuba foi un deputado a Cortes pola provincia de Ourense, máis en concreto de Viana do Bolo, Urbano Feijoo Sotomayor. Prometíalle ós ourensáns, ós galegos o santo e máis a esmola naquelas terras do Caribe e despois, xa alá, vendíaos ós grandes colonos cubanos.
               Elisa Vázquez asomou na libraría Eixo co obxectivo de presentar a novela, pero emocionouse tanto co tema que empezou a darnos toda unha clase de investigación e de anécdotas que se vía a leguas (tantas como pode haber ata Cuba) que gozaba explicando esas situacións. E nós, de pampos, coa boca aberta, porque vías que en cada historia había outra historia dentro. Era como esas caixiñas de monecas rusas.
               É moi fácil escribir sobre xente coñecida, xente que, por pouco que preguntes, aflora ás páxinas brancas dun caderno. Pero escribir a historia de xente sen historia é complicadísimo. Que historia podían ter uns pobres labregos que se lanzaban a buscar fortuna e que, para máis aquel, o único que atopaban era máis escravitude. Xente sen historia da que saíu unha trama moi ben construída. Retrata con mestría a vida dos escravos nas casas de familias crioulas habaneras e, por suposto, a súa loita pola liberdade. Marabilloso libro.

               Elisa Vázquez de Grey naceu en Lugo en 1955 e xa era coñecida por ser a autora da única biografía autorizada sobre o personaxe da Princesa de Kapurthala, Anita Delgado. Estudou Filoloxía na Universidade de Santiago de Compostela e desde 1984 mestura as súas actividades entre a docencia e a creación literaria. Empezou como case empezamos todos ós que nos gusta escribir: coa poesía, da que lle saíron tres libros: “Versos sen rímmel” (1984), “Queimar as meigas: Galicia 50 anos de poesía escrita por mulleres” (1988) e “Atentamente súa” (1994). Pero axiña colleu os camiños das biografías, con “Anita Delgado, Maharaní de Kapurthala” (1998) e “A Princesa de Kapurthala” (2008) e das novelas históricas, con “O soño da Maharaní” (2005) e esta “Unha casa en Amargura”, que é a causante desta reportaxe.
               Sinceramente, o de escribir  biografías e novela histórica ten o seu mérito; pois unha novela de, chamémoslle, ficción pode ser fácil escribila; inventas e punto. Pero a novela histórica é outro cantar. Si, podes facer ficción con ela, pero dentro dunha marxe. Outra explicación mellor: a novela de ficción, se queres, pódela escribir en meses ou incluso días, pero a histórica... a histórica xa precisas meses só de preparación. Ou anos. A autora vese que as prepara a conciencia.

               Café Oren Express da Valenzá. Luns, 18 de xaneiro de 2016

Publicado en La Región o venres, 04-03-2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario