Non
podo. Non podo estar cerca dunha biblioteca. Cando levei a un rapaz ó
adestramento de baloncesto no pavillón dos Remedios, polo camiño, no coche,
solteille todo un monólogo de que non, de que hoxe non pasaría pola biblioteca
porque aínda tiña dous libros para ler, e se collo outros, pois o típico: os
prazos bótanseme enriba para a súa devolución. E non fun. Durante case unha
hora. Porque aínda non transcorrera unha hora cando me dixen que vale, que unha
ollada non me facía mal ningún, ou que vale, que aínda que collera un tampouco
era gran cousa. E fun. Empecei a fochicar e a consultar unha listiña que teño
comigo. No estante das novidades non había ningún da lista. É igual… xa que
fun. Pero non pillei un, nin dous… foron tres! Un deles de 700 páxinas. Viva o
monólogo que lle soltei a Xoel! Non vou. Teño para ler. Xa irei outro día.
Predícame cura, predícame frade. Non podo evitalo! É superior ás miñas forzas!
Un libro é algo máis que unhas páxinas escritas. É como cando se ilumina a
pantalla dun cine. Un libro é como un soño en liberdade. Agora toca soñar a
marchas forzadas porque os prazos están aí. Pero soñar é tan bonito! Por certo,
vou soñar.
Café
Pabellón de Ourense. Venres, 4 de marzo de 2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario