Hai
que aproveitar que hai pouquiño estivo de aniversario. Quen? A Coral Ansuíña.
25 anos xa. Isto máis que mérito é unha auténtica heroicidade. Porque
heroicidade é formar unha coral nunha vila labrega e gandeira, con xente xa coa
súa idade e acostumada tan só a cantar na misa ou, por suposto, ó facer as
típicas labores do fogar. Quen non cantou algunha vez varrendo ou facendo as
camas ou pasando o pano do po? Pois iso, formouse e, logo de 25 anos, aínda
segue! Ese é o mérito.
O
gran culpable de que, hoxe, a Coral Ansuíña se patee igrexas ou escenarios por
toda a provincia, de que mesturara a xente nova con xente maior, a xente “da
carretera” coa xente labrega e gandeira é Crisanto Fernández Seoane (que terá
unha reportaxe á parte) coa axuda de dous ou tres veciños máis que polo ano
1990 dixeron que xa estaba ben de cantar tan só nos eidos, nas airas e varrendo
debaixo das camas, que os tempos de berrar uns máis que outros nas misas (penso
na miña nai) tiñan que pasar á historia. E pasaron. Non volvín oír á miña nai
coa súa voz que, de neno, case me deixaba en vergoña, porque a xente volvíase e
miraba para aquela muller delgada que alzaba a voz moi por enriba dos demais. O
padre Crisanto sóubolla domear.
Ensaiaban
onde podían, xeralmente nas bibliotecas ou naqueles baixos nos que colleran uns
30 membros ou máis. Algúns destes deixaban as súas tarefas do campo,
cambiábanse un chisco de roupa e, ale, fachendosos coma pavos reais polas rúas
molguesas e coa carpetiña baixo o brazo e un ruxerruxe musical xa na mente para
entrar quentes ó ensaio. Algúns membros serían vellos e labregos, pero con
respecto ás ansias non lles ganaba ninguén.
A
25 anos de todo isto aínda estou alucinado pola actitude deses veciños e pola
temperanza de Crisanto. A ver, non é o mesmo coller hoxe a Coral con 25 anos ás
súas costas que empezar desde cero como empezou Crisanto. Desde cero cun grupo
que, a maioría, nin idea do que era unha partitura, ou un ton, ou un ritmo, ou
un compás musical. Auténticos heroes. Que algúns xa non están (vai por ti,
nai). Pasar do sacho ou da aixada á unha habanera ou a cantar coa popular María
do Ceo non é cousa de rir.
A
Coral optou polo nome de Ansuíña polo significado e polo que representa para a
vila de Baños de Molgas. Outra proba deste significado é que o propio Crisanto
compuxo o himno oficial da Coral co nome, faltaría máis, de Ansuíña. Este grupo
de xente presentouse oficialmente no mes de xullo de 1991 no salón de actos do
colexio dos Milagres.
Axiña
empezaron a ir en serio e non contentos coas típicas actuacións fixas das
novenas no santuario dos Milagres, da misa do San Salvador de Baños de Molgas
(o día do Patrón) e do concerto de Nadal, pouco a pouco espallaron os lugares
de actuación: desde os máis achegados (gran parte dos concellos da contorna)
ata os máis afastados, como Baión, A Garda, Melide, Chantada, Porriño,
Monforte, O Barco... Mais o cume, a cúspide das actuacións pensan que a levaron
a cabo no auditorio Príncipe Felipe de Oviedo e na catedral desta mesma cidade,
con motivo da Semana de Galicia en Asturias. Aí é nada! Con María do Ceo xa
actuaron dúas veces.
A
Crisanto Fernández sucedérono Juan Manuel Iglesias durante catro anos e Juan
Carlos Troitiña, que os dirixe desde 1998. Que non lles pareza mal a estes,
pero sigo dicindo que o gran mérito é para Crisanto. Non é fácil sacar música
duns trebellos de labranza. Non é fácil pasar de labregos a tenores e sopranos.
Pero aí están.
Café
Oren Express da Valenzá. Luns, 8 de febreiro de 2016
Publicado en La
Región o venres, 11-03-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario