lunes, 28 de marzo de 2016

KOVIFEY, DEBUXANDO SURREALISMOS



               Xa hai máis de tres meses que aconteceu. Pero lembro a data coma se fora onte.. Porque o asunto tivo o seu aquel, o acontecemento foi bastante estrambótico ou esperpéntico. Resulta que a certa hora se inauguraba unha exposición de debuxos dun tal Kovifey. Resulta que a esa hora, un servidor estaba nunha reunión da ANPA do Instituto dos rapaces sobre a problemática do transporte escolar. Resulta que quería coñecer ó pintor ourensán. Resulta que saín como unha frecha da reunión para que me presentaran a Kovifey, que en realidade é Ovidio José Feijóo Oliveros. Choqueille a man, pilleille o correo electrónico e, xunto con Alán (o meu rapaz), ollamos ós debuxos á velocidade do AVE. Porque ós dez minutos, máis ou menos, volviamos estar na reunión. O dito: inauguración esperpéntica.

               Claro que, despois, con máis calma (non lembro o día) pasei de novo pola exposición e con parsimonia espalleime, estendinme  na contemplación dunhas pezas elaboradas con material de tinta en pluma e rotuladores gráficos. E con moita cabeza, iso si. Debuxos quizais surrealistas, combinados coa arte zandagle. Predominan as cores branca e negra. Ás veces, Kovifey tamén xoga coas cores prata e ouro dos marcadores gráficos e cos fondos coloreados.
               Aseguro que non é un principiante. A mellor proba é que xa ten participado en varios certames de artes plásticas e exposto os seus cadros nunha ducia ou máis de salas e cafetarías. Coñecéndoo agora, sei que seguirá expoñendo ata que canse. Mais como lle gusta o que fai, non cansará. Seguro que non.
               Ovidio José Feijóo Oliveros naceu o 16 de abril de 1969 no barrio Ponte Pelamios, en concreto na rúa Carriarico, e por alí pasou a infancia da maneira en que se pasaba a infancia daqueles tempos, que nin punto de comparación cos de agora. Vaiche boa! Estudou o parvulario e a EXB no colexio Sueiro, que se atopaba na rúa Parada Justel, pegadiña mesmo á Alameda. Foi xa neste colexio onde a inclinación artística empezou a aflorar, pois axiña se decatou de que se lle daban moi ben o debuxo e a plástica. Claro que, pola contra, as demais materias seica lle fixeron pensar que se estaba convertendo nun nugallán. Ó mellor foi por isto polo que se trasladou ó instituto Otero Pedrayo, aínda que, segundo confesión propia, “seguín sendo un estudante do montón”. Rapaz, ninguén é perfecto. Que llo pregunten a un servidor.
               O seu era a pintura e o debuxo. Empezou a dedicarse en serio ó que lle gustaba. Para elo meteuse na Escola Provincial de Artes e Oficios da Deputación de Ourense onde tivo a tran sorte de recibir clases do mestre Corral Díaz, quen con paciencia e tesón puliu a explosión artística de Ovidio, de Kovifey. Foron sete anos de aprendizaxe, de marcarlle os regos dereitos do estilo, de especializalo na semente e na recolleita do debuxo artístico.
               Como di el: “aí empezou a miña carreira artística”; e axiña colaborou no deseño de carteis para obras de teatro, nos bosquexos de postais do Nadal, con debuxos para o que cadrase. A súa actividade artística era e é tan frenética que debuxaba en calquera lugar... no patio do instituto, na rúa, nos panos de papel dos bares e cafetarías, onde non lle tremese o pulso. (Algo semellante á miña afección a escribir, que cheguei a facelo por terra, mar e aire... e ata na misa). Agora mesmo, Kovifey, convalecente dunha enfermidade e mentres esta llo permite, segue debuxa que te debuxa para reflectir a natureza, o progreso e as emocións do ser humano, é dicir, del mesmo. E vaia se reflicte ben!

               Café Perla 6 do Campus Universitario de Ourense.
               Mércores, 10 de febreiro de 2016

Publicado en La Región o venres, 25-03-2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario