sábado, 19 de marzo de 2016

PORQUE XA TODO SE CONTOU


A semana pasada foi un rapaz meu de excursión. De que? De excursión. Que é iso? Agora as excursións xa non son o que eran. Na miña época, no colexio, nin tan sequera se durmía. Lembro que faciamos garda pola ansiedade aquela de que chegara o momento da saída. Lembro que intentabamos almacenar todo na memoria, para, á volta, ó chegar ó colexio ou ás casas, contar todo minuto a minuto, desde a saída ata o regreso. Agora… agora as excursións son radiadas. Por culpa do bendito e maldito guasap. Onde vas agora mesmo? Quen está sentado ó teu lado? Corre moito o condutor? Falta moito por chegar? Que tal é o hotel? Imos en tal sitio. Á miña beira teño a Loliño Cachamuíña. Non, o condutor vai ben, só nas rectas acelera un pouco máis. Creo que imos na metade do camiño. O hotel, por fóra, está ben. Non sei por dentro que aínda estamos entrando.
Seguro que moitos rapaces non ven os monumentos ou non gozan das atraccións porque teñen que perder o tempo contestando os guasaps. Estamos vendo a casa do concello que está no medio e medio da cidade. Despois marchamos a ver a ponte esa colgante sobre o río. Si que é grande a cidade, é enorme. Por agora, vai sol. E así un día detrás doutro. Ata o último guasapeo: estamos entrando en Ourense. Os pais danlle uns bicos ós fillos, preguntan un que tal… e xa rematou todo. Nada se conta porque xa todo se contou. Ai aquelas excursións de antano!


Cafetaría do Pabellón de Ourense. Venres, 18 de marzo de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario