lunes, 21 de marzo de 2016

NO SILENCIO DUNHA PRIMAVERA



               Rula que choutas e que baixas da gaia de salgueiro e emprendes o voo cara ó baúl dos recordos. Rula que vives nas ás brancas dun soño, que soñas sobre un encontro que apareceu de repente ou que estaba durmido na copa dun castiñeiro. As nubes asoman alá, ó lonxe,, pero os raios de sol caen con nostalxia sobre o peteiro da túa infancia. Queda o silencio furgando por entre o salgueiro no que acomodaches un instante. Aínda cheira a melancolía. Din que a melancolía é o pracer de estar triste. Ou non. Ó mellor é o pracer de sentir o bambán dun sentimento que vai e vén.
Rula que te pousas no alto dun outeiro. Desde alí outeas os tempos que foron e os recordos dun tempo que será. Houbo tempos nos que a soidade imperaba sobre o ruído e hainos nos que o ruído é un simple silencio. Rula que aniñas entre as follas dos sabugueiros. Un par de ollos mirarán para ti e será entón cando a néboa se abrirá nun claro inmenso e cheo de palabras que completarán unha carta con aires de señardade. Rula que estás aí. Rula que aniñas. Rula que voas. Rula no silencio dunha primavera eterna.

               Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Venres, 18 de marzo de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario