Hipócritas.Seguen os medios de comunicación sendo tan hipócritas
coma sempre. Igual que a maioría dos seres humanos. Tanto loitar contra a
discriminación racial, e somos máis racistas que nunca. Tanto baduar pola
intolerancia cara os homosexuais, e a prensa dálle que dálle ó bico de Pablo Iglesias
e Xavi Domènech. Hipócritas. Farsantes. Tan hipócritas coma sempre. En Rusia é
costume. Aquí son maricóns. Artigos de opinión a favor da liberdade sexual ou
en contra dos ataques á mesma, para, agora, non falar doutra cousa que o bico
entre dous homes, con foto incluída, “que deixou pampo ó resto dos deputados”.
Que asco de xente, carallo, que asco! Que asco de xornais! Mañá aparecerán dúas
ou tres páxinas cunha reportaxe sobre a discriminación á que se vén sometidos
certos colectivos de rango sexual, por exemplo. Poñeranse como unha brasa: que
se un país inculto, que se un país terceiromundista, que se a liberdade sexual,
que tumba e que dálle. Emporiso, despois, racharanse as vestiduras ante un bico
inocente, ou emocionante, ou amigable, ou incluso aloumiñeiro. Canta hipocrisía
xunta!
Aviso para navegantes. Eses que tanto barallan, que tanto
latrican contra os funcionarios, aí teñen a súa ocasión: A Xunta seica
convocará unhas 3.000 prazas. Así é que menos nugalla e a fincar os cóbados
para presentarse en Silleda.
Entoo o mea culpa. Porque cando o xoves faltou a luz en
Maceda empecei a soltar pestes contra uns e outros (normal; non hai mes no que
non nos quedemos uns minutos ou uns segundos sen luz; e ás veces chegan uns
segundos para mandarche todo á aquel sitio). Mais resulta que os causantes do apagamento
foron as cegoñas. Contra estas non me meto. Son tan bonitas!
Café O Chicote da Valenzá. Xoves, 3 de marzo de 2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario