martes, 19 de julio de 2016

A ÁNCORA DE MUROS


            Son home de montaña, de monte, de ríos, de fervenzas. Pero gústame o mar. Non así a praia. Ese ruído do mar. Ese vaivén das ondas. Esa inmensidade do océano. Ese infinito. Todos os anos intento levar ós rapaces á praia. Teñen dereito a bañarse e a enzoufarse coa area. Odio a area pegada á miña pel. Todos os anos (menos un) sempre fomos de Muros para arriba. Practicamente todos os anos nos achegamos ata Fisterra, ata o cabo do mundo. E si, todos os anos, absolutamente todos os anos que pasamos por Muros hai que facer parada e sesión fotográfica na áncora do porto de Muros.
Podo dicir, xustificadamente, que os meus rapaces creceron coa áncora de Muros. Subidos a ela. Pegados a ela. Facendo caralladas nela. Medio escarallándose nela. O outro día pasamos por alí e moito antes de chegar, xa foi o propio Xoel o que comentou o de parar ante a áncora. Á volta de Louro paramos. Faltaría máis! E aínda que, Alán, todos os anos rosma, houbo que cumprir coa tradición: fotos ó canto. Gústame Muros. Moito. Pero é que á áncora esa xa lle estou collendo un cariño especial. A ver!, é coma se lle dera de comer ós meus fillos. É a que nos embarga de emoción cando repasamos as fotos. Os rapaces con tres anos, por exemplo. Os rapaces con cinco anos. Os rapaces con dez anos, con trece anos e cos actuais quince e dezasete. A ver!, merecía ou non merecía un Pingas a áncora de Muros?


            Café O Chicote da Valenzá. Martes, 19 de xullo de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario