Non
entendo nada. Por iso nunca me gustou a política. Porque non entendo nada. Vaia
trapallada que estamos a vivir. Que si, pero non. Que non, pero si. O señor Rajoy
ante o Rei. Que si, pero non. Que non, pero si. Aquel si pode presumir de
galego; que nin sobe nin baixa, nin arre nin xo. Que si, pero non. Que non,
pero si. E os outros? Os outros, depende. Ou mellor dito, primeiro non e
despois depende. De que depende? Será de se o señor Rajoy se atreve a subir ou
baixar. Non entendo nada. E politicamente non entenderei nunca nada.
Non
entendo nada. Quen deu o golpe en Turquía? Os militares? Ou, agora, Erdogan?
Aquí ata poida que entenda algo: que se foi real o golpe dos militares, ó señor
Erdogan cadroulle ó xeito. Agora está facendo tal limpeza que nin Os
Cazafantasmas. Así, coma quen non quere a cousa, leva camiño de facerse dono e
señor do país. É dicir, ditador. A ver se a mesma xente que o apoiou no
presunto golpe, lle para agora os pés.
Non
entendo nada. Todo un ano esperando que chegue o ambiente estival ás aldeas e
ás vilas, e cando chega, ós dous días, xa estamos cansos e desexando que volva
o inverno para quedar os de sempre. Somos raros de carallo. Non entendo nada.
Hai un mes, moitos diciamos que xa estaba ben de tanto fútbol, e agora xa temos
o mono encima de nós. Cando diaño empeza a Liga! Non entendo nada. Hai dez
minutos que estaba angustiado porque non sabía con que encher este Recuncho e,
agora... Agora doulle grazas ós cóbados. Planteinos sobre a mesa e levántoos ó
poñer o punto final.
Café
Brétema da Valenzá. Venres, 29 de xullo de 2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario