Contemplade
a foto. Non coñezo a ninguén. E, non obstante, teño unha relación con eles
desde hai máis de 20 anos. Rectifico un chisco: coñézoos desde hai pouco máis
dun mes, de cando me mandaron a foto. E mandáronma porque lla pedín para esta
reportaxe. Axiña vin que esa relación podía dar unha bonita historia para contar.
Unha relación de 20 anos non é moco de pavo. E para máis aquel, epistolar tan
só.
Quen
son? Xente que traballa na Delegación de AEMET (Axencia Estatal de
Meteoroloxía) da Coruña, ex Centro Meteorolóxico. Que teñen que ver comigo?
Pois desde que o mundo é mundo, é dicir, desde que eu saiba, ese Centro
Meteorolóxico tiña e ten unha colaboración con Agricultura, onde se atopaban as
Sindicais ou Cámaras Agrarias ou Extensións Agrarias ou Oficinas Agrarias
Comarcais, tanto cando unhas pertencían ó estado como outras á Xunta, logo das
transferencias. Esta cooperación consistía e consiste en atender unha pequena
estación meteorolóxica que hai en Maceda, no Toural.
A
estación está composta dun pluviógrafo (aparato que rexistra as precipitacións
nun papel) e dun termógrafo (rexistra as flutuacións da temperatura). A maiores
ten un pluviómetro no que se recolle a auga caída. O meu cometido consiste en
achegarme ata alí todas as mañás dos luns e cambiarlle “as gráficas”, os papeis
que van enroscados ós cilindros dos dous aparatos, sobre os que unhas agullas
soben e baixan marcando os cambios ou a marcha das temperaturas. Logo, os datos
desas gráficas, antigamente, pasábaas a unhas cartolinas e, hoxe en día, métoos
xa nunha aplicación informática. Todos os luns.
A
principios de cada mes é entón cando remito todos eses datos (das catro
semanas), por medio dun correo electrónico (antes, por correo normal) á
Delegación da AEMET en Galicia, á Coruña. Por correo normal mandaba as
cartolinas, e punto. Pero por correo electrónico non sei que me daba achegar
tan só os dous arquivos (pluvio e termo)... e co laretas que son eu. Así é que,
agora, cada primeiros de mes inicio a parola: “baixo unhas nubes negras que
andan sobre o ceo macedán, achego os datos climatolóxicos de tal mes”, ou
“baixo a influencia dun sol de carallo neste día de feira, aí van os datos...”,
etc. E logo dese encabezamento, pois, ás veces, como unha persiana. Que si, que
sempre me gustou “enrollarme” na escritura. Axiña me contestaron que: “por
fin!; hai alguén que nos entretén con algo máis que números”. “Sempre é
agradable ler outras cousas que non sexan graos ou milímetros”. Vaia, home!;
foi dicirme iso para, xa, ós seguintes envíos, mandar ruxerruxes ou trapalladas
con tal de entretelos un chisco, de entreter a Marisa Orro, que seica é a que
máis atende ós correos electrónicos.
Máis de
20 anos sen coñecernos pero coñecéndonos. Agora xa podedes coñecelos tamén,
como os coñecín eu, por medio da foto que me mandaron e que son, de esquerda á
dereita: Rafa Sánchez, de Villares de Yeltes (Salamanca), nado en 1967. Aínda
que é o máis novo, seica é o máis veterano na sección de Climatoloxía. Pablo
Gómez naceu en Pontevedra en 1962 e leva na Delegación da AEMET desde 1993.
Marisa Orro, a que máis se comunica comigo, hai 51 anos que naceu na Coruña e
antes de pasar a Climatoloxía pasou por tres aeroportos: Villanubla
(Valladolid), Lavacolla e Alvedro. E Carmen Estévez, que sae seria na foto
(“pola solemnidade da ocasión”, segundo Marisa), pero que seica lle gusta
amosar os seus brancos dentes en grandes sorrisos, ou sexa, que é chistosa. É
nosa paisana, de Ourense, de Quintela de Canedo, desde hai 57 anos, aínda que
desde cativiña vive na Coruña. Traballou en Correos durante 24 anos e xa leva
14 na AEMET.
Todos
eles ocúpanse de todas as estacións meteorolóxicas de Galicia para ver,
manipular, depurar, arquivar todos os datos que lles mandamos os colaboradores,
así como controlar as estacións automáticas, observatorios, etc, coas súas avarías,
lagoas, emisións e erros. Están a recuperar datos antigos das estacións
principais e daquelas que deixaron de funcionar. Elaboran avances e boletíns
climatolóxicos mensuais, estacionais e anuais. Neles analizan o comportamento
do clima en Galicia. Pero, ollo!, non teñen a culpa de que aquí sempre chova ou
de que aquí faga un sol do carallo. E, por último, sobre todas as cousas,
aténdenme a min, aguántanme a min coa verborrea que lles solto. Que xa é ter mérito. Grazas, amigos xa
coñecidos.
Café
Paseo de Ramoleox da Valenzá. Domingo, 19 de xuño de 2016
Publicado en La
Región o venres, 08-07-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario