lunes, 11 de julio de 2016

A BALSA DE ACEITE


            Aínda é día. Pero a noite xa está aí. Coa noite chega o silencio e os soños entre catro vixías e dous pensamentos. Quizais o grilo faga soar o seu canto ou o vagalume saia a dar un paseo. Todo dependerá da temperatura da noite. Agora mesmo o jazz de Duke Ellington, Charles Mingus e Max Roach é o compás dun momento tranquilo, sosegado e cheo de ritmo nos pés. A música é a balsa de aceite na que asento os meus desexos.
Quedan cinco minutos para as dez da noite. Pero aínda é día. Non obstante, o silencio está a facerse dono dunhas vidas que van e veñen polas rúas do tempo. Certo, non todas as vidas van e veñen. Hainas que se quedan quietas. Quietas para sempre. E non porque morreran (a vida sempre morre), senón porque están amorfas, sen alma, tollidas, eivadas. Segue o álbum “Money Jungle” marcando o compás nesta balsa de aceite que me inspira unha tenrura sen límites ou unha melancolía sen fin. Oxalá bailara un tango na cara oculta da lúa. Quédame escoitar este jazz para navegar polas estrelas da señardade, da morriña, da nostalxia. Xa empeza a ser noite. Con esta chega o silencio e os soños entre catro saloucos e dúas conxunturas. Segue a balsa de aceite nos auriculares.


            Finca Fierro. Luns, 11 de xullo de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario