viernes, 22 de julio de 2016

QUÍMICA PURA


            Química pura no latexo dun verso e cuestión de resonancia magnética na maraña dun pombo. Non todos os coches que circulan pola rúa teñen atracción no espello retrovisor nin todas as persoas que sentan nos bancos da beirarrúa olen a súa propia exsudación. Quen pensa que o pescozo dunha xirafa chega ata o infinito e máis alá? Se simplemente ten tres palmos de narices. Máis ou menos. Química pura no bater de ás dunha andoriña e rima en asonante no retrouso dunha canción. De calquera canción.
Xa quixera un portaestandarte rodar pola cuneta da indiferenza ou polo rego dun sopro. Quere amar o pombo á rula, pero hai niños que só sabe compartir o cuco. Maldito cuco! Química pura no suspiro dun tempo perdido e son de jazz nunha noite de silencio na que non hai ruído. Non todos os gatos son pardos... de noite, nin todas as xovencas andan nas leiras dos veciños... todo o día. Móvense as teclas do piano e o ritmo da música viaxa en ascensor ata o tímpano dos oídos. Tamén máis ou menos. Aínda que ó mellor é un depende. Como vas saber o que vale un peite se non tes un puto pelo. Química pura no sorriso dun recordo que vai e vén polos recantos da memoria e salouco de sentimento por un tempo que foi e que xa nunca volve. Como demo vai volver o pasado! Química pura no punto final deste molgués aloucado.


            Finca Fierro. Xoves, 21 de xullo de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario