sábado, 16 de julio de 2016

OS RESENTIDOS QUEDÁRONSE CURTOS


            Vai un sol do carallo. Hoxe, ata Os Resentidos se quedaron curtos. Polo menos na provincia de Ourense. E mañá din que en toda Galicia. Manda truco en Baños de Molgas!; hoxe si que é verdade que queima. Aquí, en Baños de Molgas, na Valenzá e na Costa da Gándara.
Ás seis en punto da tarde saín da casa para mercar algo, para tomar un café, para ler La Región e para escribir isto. Pois ben, ó saír do portal, e debido a que á fachada do edificio lle daba o sol, pensei que me quedaba sen respiración. Tiven que folguexar varias veces. E menos mal que tiña o Pancracio á sombra! Aínda así case semellaba que estivera ó sol. Meu Deus, que forma de quentar! Ou mellor dito, de arder. Porque era lume. Pola Valenzá non se vía unha alma. As terrazas das cafetarías, incluídas as da sombra, estaban baleiras. Agora mesmo son o único ocupante da terraza do café Paladium. Da terraza e de todo o café. Estou á sombra, pero súo. Teño problemas para deslizar o pulso ó escribir porque se me pega á mesa á causa da suor. Ata no aparcadoiro do Mercadona había sitios a moreas. A xente non sae das casas. Normal. Hoxe si que é verdade que se asan os paxariños. E mañá seica se asarán estes e todo o que se mova. Eu penso moverme (cedo). A Louro. Haberá que volver tarde. Son de montaña, de ríos, de fervenzas, pero os rapaces merecen unhas horiñas de praia.


            Café Paladium da Valenzá. Sábado, 16 de xullo de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario