Alepo. Ata creo que é unha fermosa palabra. Pero semella que
non a coñece moita xente. Polo menos, por ela, non asoman os crespóns negros
nas redes sociais. E logo por que tiñan que asomar? Por nada. Que máis dá! Non
pertence a este mundo civilizado. Nada menos que a Siria! Ui, Deus, alá son
todos musulmáns! Non son xente, son musulmáns, que che cambia moito o conto.
Alá as bombas non estouran, nin rebentan ós nenos, nin violan ás mulleres. Co
bonito que é mirar para outro lado. Por exemplo, eu que sei, para o oeste, para
o océano Atlántico. Ou para calquera outro país onde si nos doan as mortes,
onde gardemos minutos de silencio ou soltemos pombas ó vento. Alepo. Onde
estará iso?
Vídeoarbitraxe. Tan fermosa como a outra? Non creo. Polo
menos para os equipos grandes. Xa empezan a protestar. Coa escusa dalgún fallo,
de algún erro no programa… para que queren o vídeo? Dáme na espiña que os
equipos grandes non o queren. Normal; sempre foron ós que máis axudaron coas
arbitraxes. A ver!, ós poderosos sempre se lles axudou en todo. Non vaia ser
que se incomoden. Eu case son partidario do vídeo. Creo que é a única defensa
que teñen os equipos modestos ante as dúbidas ou ante aqueles carros que cargan
dianteiro. Démoslle tempo ó tempo, a ver se conseguimos igualar ben o carro. É
certo, dubídocho ben, pero…
Finca Fierro. Venres, 16 de decembro de 2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario