Os amigos dos meus amigos serán meus
amigos. Iso din. As amizades tamén poden ser coma os elos, coma os aneis dunha
cadea: uns engarzan noutros. A amizade que manteño co fotógrafo Román
Montesinos engancha co tamén fotógrafo José Luis Pérez. Foi aquel o que me
mandou unha mensaxe polo feisbuq para advertirme dunha exposición deste amigo
seu. Que se podía asistir á inauguración, que si etcétera. Puiden asistir e
asistín.
A exposición chámase "Espellismos",
unha serie de pouco máis dunha ducia de fotos de gran formato, en branco e
negro, "porque lles proporciona unha maior forza expresiva", segundo
propias palabras do autor. Pero hai máis que forza expresiva. Hai pura poesía.
Nos reflexos cheos de quietude e maxia. Na forma de conxelar o tempo e o mundo.
Fotos todas elas feitas en Xixón sobre os pavimentos mollados. E aí, neses
reflexos, asoma a mestura de realidade e fantasía. En algunhas ata semella que
desafiou a gravidade para coller, pillar, localizar ese momento tan máxico que,
realmente, a maiores de sorprender, déixanos coa boca aberta. Repito,
fotografía poética de gran riqueza temática e formal.
José Luis Pérez Fernández, quizais
máis coñecido como Pepe Pérez, naceu na Coruña en 1957, aínda que leva en Xixón
case ou sen case 30 anos; pero tampouco esquece que as súas auténticas raíces
proceden da provincia de Ourense, máis en concreto de dúas aldeas do concello
de Lobios, achegadas á raia do país veciño. Tanto enraizou que nunca se
esquecerá de cando, de cativo, acompañaba ós seus curmáns cando se tiñan que
facer cargo das "veceiras", algo así coma quendas para levar os rabaños
de cabras ó monte, os rabaños de todos os veciños. E segundo me conta el, os
seus curmáns facían coincidir os seus días, a súa quenda coa estancia súa na
aldea, porque sabían que gozaba pastoreando as cabras. Chamáballe moito a
atención que, á volta do monte, cada grupo de cabras se detivese fronte á corte
dos seus donos esperando a que lles abrisen a porta. Di que nunca se
confundían. E dígoo eu tamén: nunca. Porque lembro cando ás veces en Baños de
Molgas metía eu algunha vaca na corte do veciño e, zas, ó día seguinte, esa
vaca xa ía dereitiña para alá.
Pepe Pérez estudou o bacharelato nos
Salesianos da Coruña e cando lle tocou ir á Universidade, á de Santiago de
Compostela, déuselle por estudar medicina e especializarse en pediatría. Casou,
ten dous fillos e leva 27 anos traballando no Hospital Universitario de
Cabueñes, en Xixón.
Na adolescencia afeccionouse ó
alpinismo e paralelamente empezou a probar coa fotografía. O que ó principio
foi unha forma de capturar paisaxes, pouco a pouco empezou a pasarse á captura
de retratos, de fotos doutras paisaxes (a da cidade, a das rúas), incluso de
arquitectura. Empezou cunha cámara prestada, unha Kodak Tourist II de fol, de
pelello, co disparador armado por panca. Máis tarde xa adquiriu unha Canon FTB.
Desde esta, e sabendo que a afección xa ía en plan serio, mercou xa unhas
cantas máis.
Agora semella que está traballando
nunha serie formada por pareidolias (imaxes nas que se recoñecen formas ou
figuras que na realidade non existen), e ten outro proxecto de retratos case
decidido. Sexan pareidolias ou sexan retratos, seguro que José Luis Pérez
Fernández, Pepe Pérez, amosaranos uns versos fotográficos ou unhas fotografías
poéticas nas que a vida, o entorno, a sociedade asomará logo dun simple e único
disparo. Poesía fotográfica. Fotografía poética. Que máis dá! Pura fermosura! E
punto.
Café O Chicote da Valenzá. Luns, 7
de novembro de 2016
Café Paseo de Ramoleox da Valenzá.
Xoves, 10 de novembro de 2016
Publicado
en La Región o venres, 16-12-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario