Creo que xa dixen algunha vez que a
vida está chea de coincidencias, de sincronías. E tanto. Xusto cando me puxen
en contacto con Santiago Ferragud, a alma máter?, o voceiro?, do grupo musical
Xardín Desordenado para realizarlle unha reportaxe para esta sección, este
comunicoume que o venres, 25 de novembro, volvían actuar en Barbadás. Entón
como ás veces (moi pouquiñas) son algo listo, díxenme que ben podía coincidir a
publicación da reportaxe coa citada actuación. Escribín esta, pero por
circunstancias, por falta de espazo no xornal non se puido publicar ese venres
25.
Dixen "volvían" porque,
realmente, esta reportaxe xa estaba planeada desde o 17 de maio, Día das Letras
Galegas, que foi cando coñecín a Xardín Desordenado ó actuar na Casa da Cultura
Manuel María da Valenzá (ou de Barbadás). O que pasa é que, coma sempre, o
tempo pasa e todo cambia, e uns proxectos cambieinos por outros e uns meses
deron paso a outros e ata agora. Pero, xa sabedes, nunca é tarde cando a dita é
boa.
A dita de escribir sobre Xardín
Desordenado aseguro que é boa, porque, sinceramente, son moi bos. A seis meses
de velos versionando poemas ou versos de Manuel María (a maioría deles, polo día
en que actuaron), de Álvarez Cáccamo, de Rosalía ou de Olga Novo, entre outros,
aínda hoxe me queda na memoria a gozada que sentín ó escoitalos e, por que non,
ó descubrir a marabillosa voz de Marlene Rodrigues. Lembro dous deles
("Neno", de Manuel María, e "Aprendendo a ladrar", de Olga
Novo) que me deixaron un pouco abraiado a causa da emoción.
Xardín Desordenado pódese dicir que
naceu coma unha reunión de músicos que comparten a paixón pola poesía e polo
jazz (onde estea o jazz...). Digamos que empezaron esa reunión Blas Segura e o
citado Santiago Ferragud porque lles gustaba a poesía de Xosé María Álvarez
Cáccamo. Pouco a pouco incorporouse nova xente cun nexo en común: o jazz. David
Outomuro é profesor no Conservatorio de Pontevedra (pero ourensán) e compoñente
de varios grupos. Toca a batería e percusións. Marlene Rodrigues, a maiores de
ser moi riquiña, chegou ó grupo "coa carga emotiva do fado", pero que
tamén se formou na escola de jazz de Porto. É a que lle pon a voz á maioría dos
poemas. Lorenzo Boo, toca o baixo e pódese asegurar que é un gran guitarrista
de jazz. Decisiva seica resultou a incorporación de Isaac Garabatos porque, á
parte de ser tamén un gran guitarrista, é un produtor musical moi respectado
nos ambientes poéticos. É o que lle proporciona coherencia sonora ás
composicións. Por certo, Blas Segura foi o único compoñente inicial que deixou
o grupo no 2014 para marchar para a súa terra, para Gran Canaria.
O nome de Xardín Desordenado
sacárono dunha expresión que utiliza o poeta Daniel Salgado nun dos seus libros
e porque lles suxería un fondo melancólico que con frecuencia produce a poesía
e porque, ó non ser especialistas en literatura, "as nosas seleccións
serían forzosamente desordenadas", segundo confesa o propio Santiago
Ferragud. Serán todo o desordenadas que queiran, pero este molgués que escribe
asegura que son bonitas un cacho e algo máis.
Evitan tratar textos que xa
musicaron outros artistas. Ante isto, sempre contan a anécdota do traballiño
que levan para poñerlle música ós versos de Rosalía de Castro, porque xa case
están todos en bocas de diversos grupos e cantantes. Emporiso, algún sempre
queda por aí e eles, zas, búscanlle o seu aquel para que coa súa música e coas
súas voces nos emocione. Tamén fixeron programas dedicados ós autores das
Letras Galegas de cada ano, desde 2008, ano da súa fundación. E sobre as súas
actuacións xa levan percorrido ata o infinito e máis alá. Entendede por máis
alá, por exemplo, Bos Aires, a onde foron invitados hai dous anos á súa famosa
feira do libro.
O día 25 quixen descubrir se
esaxerara ou se mentira sobre eles, sobre a súa calidade e marchei para a Casa
da Cultura da Valenzá para velos actuar de novo con motivo do Día Internacional
contra a Violencia de Xénero. Non me queda outra que reafirmarme no meu
parecer, o de que son bos, moi bos. Paga a pena velos unha e outra vez.
Café Paseo de Ramoleox da Valenzá.
Xoves, 17 de novembro de 2016
Publicado
en La Región o venres, 09-12-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario