Creo que a estas alturas xa todo o
mundo coñece as miñas paixóns culturais: música, cine, lectura e escritura. Coa
música estou sempre ou cun tema na boca ou cos auriculares nos oídos. Aínda que
hai unha canción que me toca o violo, que me consume os folgos: Voy a pintar las paredes con tu nombre,
de Los Mismos, porque adoito facer uso dela cada vez que pinto algún cuarto na
casa e é un dos traballos que máis me amola facer, que máis odio. Claro que a
pobre e bonita canción non ten a culpa. E moito menos Los Mismos, con Helena
Bianco á cabeza.
Aquí quería eu chegar!, a Helena
Bianco e a Los Mismos. Porque corenta anos despois -máis ou menos- de iniciar
esta canción o seu percorrido coñezo, por fin, á causante de que eu empezase
contento unha habitación e a rematase... xa non tan contento. O de pintar é
case como a vendima; que empezas contento e rematas... cansado.
O pasado 22 de outubro, hai pouco
máis dunha semana, coñecín persoalmente a Helena Bianco (en realidade Elena
Vázquez Minguela) por motivo desta reportaxe e da súa actuación co famoso trío
pasado mañá, domingo día 4, no Auditorio de Ourense, conmemorando os 50 Anos de
Los Mismos. A ver, 50 anos non é cousas de rir!; é practicamente máis de media
vida. E sempre con éxitos baixo as súas voces. Poucos poden presumir no noso
país dunha carreira e dunha profesionalidade tan lonxeva, que, para máis aquel,
e como se verá o domingo, segue adiante.
Cando me atopei con Helena no
vestíbulo dun céntrico hotel da nosa cidade, non me asombrou pola súa cara
bonita (que a ten, pero que xa coñecía de fotos), senón pola amabilidade e polo
cariño con que me recibiu. De verdade, coma se fose o encontro duns amigos de
toda a vida. Despois, pobriña, en vez de falar ela, falaba eu coma un
latriqueiro. Penso que se debía a que non me collía unha agulla por aquel sitio
a causa da emoción. Los Mismos! Que carallo, toda unha institución musical na miña
infancia e xuventude!
Helena Bianco naceu en Valladolid o
día de Reis de 1948. Creo que ese mesmo día xa recibiu o regalo da súa voz e da
súa música porque, oito anos máis tarde, a moi condenada, xa empezou a
participar en festivais infantís que celebraban as emisoras locais e algúns
teatros, ó mesmo tempo que se formaba no Conservatorio de Valladolid. Alguén
viu axiña o seu potencial (sempre hai xente espelida polo mundo) que lle
concederon unha bolsa de estudos para preparar canto no Conservatorio de Milán,
que xa son palabras maiores. Mais ela pensou que xa sabía abondo e lanzouse á
aventura, á fermosa aventura de formar o grupo Los Jolly´s cando quedaron
ganadores do festival da canción de Valladolid. E aí empezou todo. Acadaron o
seu primeiro éxito cunha versión do famoso Supercalifragilisticospialidoso
e, despois, ai amigos!, con A Santiago
voy. Así é que moito coidadiño con darlle todos os méritos desta canción a
Los Tamara!
No ano 1968 e en pleno éxito de
popularidade co selo Belter cambian o nome e pasan a denominarse Los Mismos. Xa
está... historia pura da música española! A proba é que os consideraron os
líderes da música pop nas décadas do 60 e 70. Empezaron a acadar premios a
esgalla, entre eles, ollo ó dato!, o conseguido no Festival do Miño de Ourense
coa canción Una vez (Paréntese para
dicir que, por se alguén non o sabe, este festival da cidade das burgas, nos
seus tempos, era un dos mellores que se celebraban no noso país; e chegoume así
coma un ruxerruxe de que, seica, se quere recuperar. A ver se é verdade).
Pechada a paréntese, unha recomendación moi recomendada pola propia Helena: "recalca, Chito, recalca nuestra
vinculación a Galicia... las canciones A Santiago voy, El afilador, Una vez, Mi
tierra gallega, el festival del Miño, las veces que pasamos por Luar y por
todos los puntos geográficos de esta maravillosa tierra. Ya casi me siento tan
gallega como pucelana". Recalcado queda, e confirmo ese cariño no
pouco tempo que tivemos de conversa.
Agora toca resumir con trazos moi
simples e moi rápidos porque o espazo non dá para máis. O seu maior éxito
quizais sexa El puente, composta a
causa de que ela tíñalle pavor ó avión e ó barco, así é que para ir de Valencia
ata Mallorca que mellor ca unha ponte. En 1980 Los Mismos disólvense. De 1981 a
1984, Helena iniciou unha carreira en solitario chamándose Jara. No 1996 Los
Mismos reaparecen de novo con Guillermo Antón (hoxe, seu home) incorporado ó
grupo. A maiores, Helena Bianco tamén actuaba pola súa conta en espectáculos
musicais e en programas televisivos, entre eles, ¡Qué tiempo tan feliz!, xunto a María Teresa Campos.
Repito: non tendo máis espazo, éme
imposible nomear todos os seus éxitos, tanto dela coma de Los Mismos, que foron
moitos. A solución: achegádevos pasado mañá ó Auditorio para velos en directo e
seguro que non vos arrepentiredes (por certo, no repertorio incluirán temas
máis actuais e moi coñecidos de grandes cantantes do noso país). Teño entendido
que as entradas son aptas ata para as carteiras máis furadas. Este molgués pensa
asistir. Porque Los Mismos forman parte xa da miña vida.
Café Paseo de Ramoleox da Valenzá.
Xoves, 24 de novembro de 2016
Publicado
en La Región o venres, 02-12-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario