Xa tiña ganas de meterlle o dente. A
Os do Fuelle. Porque son coñecidos. Porque son veciños. E porque moitos deles
son amigos. Convivo con eles desde practicamente toda a miña vida, e como
agrupación musical desde hai cinco anos, desde 2012, desde que se fundou. Non
obstante, xa vedes, todo un lustro para falar deles. Pero, ollo ó dato, desde o
día 18 de agosto de 2015 (hai dous anos), desde que iniciei esta sección de
Testemuñas da Memoria estiveron sempre na miña cabeza. Sempre. E iso que, en
directo, teño que recoñecer que non os escoitei máis alá de dúas ou tres veces
e tan só ós cachiños (nas festas patronais de Maceda), pero sempre os seguín
polas redes sociais e por eses amigos que me mandan as súas cousas polo guasap.
Por fin, hai uns días, cando os dous
coincidimos mercando unhas barras de pan, pillei a Tito González, o director
musical do grupo e director tamén da Escola de Música (por certo, a condición
esixente para pertencer á agrupación Os do Fuelle é a de estar, antes,
matriculados nesa escola municipal), e concretamos unha pequena cita para que se me
"enrollara" un pouquiño. A ver!, como lle dixen un chisco antes, sentíame
e síntome competente para escribir así, "ás cegas", sobre Os do
Fuelle. Polo dito ó inicio: coñecidos, veciños e amigos; onde se ve que aquí teño
para dar e tomar. Emporiso, sempre é bo contrastar ou cotexar certos asuntos ou
datas ou temas ou puntos ou materias ou datos.
Desde o momento, é dicir, desde
sempre, en que asimilei que tiña que escribir sobre esta agrupación, tan só
unha palabra me bombardeaba, me encaixaba na cabeza unha e mil veces. Souben
que na reportaxe (e como se ve ata no título) tiña que aparecer á forza a
palabra "diversidade". Porque Os do Fuelle son unha auténtica
pluralidade. Diversidade de oficios. Diversidade laboral. Diversidade de afeccións.
Diversidade de concellos. Diversidade de caracteres. Diversidade
administrativa. Diversidade de idades. Diversidade de xénero. Diversidade política.
Hai funcionarios e comerciais e gardas civís e policías locais e operarios
municipais e alcaldes e ex alcaldes e ex banqueiros e estudantes. Ata hai labregos,
carallo, ata hai labregos, que iso xa son palabras maiores, xa é máis ca mérito.
Hainos de todos os concellos da contorna, ou sexa da comarca de Maceda (a este
respecto, un amigo da agrupación sempre me premía con que remarcase a
convivencia entre os concellos de Baños de Molgas e de Maceda, porque é sabido
que nos anos da polca, da pera había certa rivalidade entre as dúas vilas, xa
sabedes, algo así coma no fútbol os típicos derbis. Eu tamén opino que esas
rivalidades hai xa tempo que deron ó esquecemento, que pasaron á historia. Eu
mesmo levo case 25 anos estando máis en Maceda que na miña propia vila... como
non lle vou querer a Maceda, entón). Hai dous integrantes que non son da
contorna, que pertencen ós concellos de Celanova e de Chantada, en Lugo. Isto é
porque son profesores da Escola. Dobre mérito para eles ó ter que desprazarse
para uns actos e para outros desde tan lonxe.
A agrupación dá para moito máis dos
dous folios cos que teño que cubrir este Testemuñas. E como vexo que cada vez
queda menos espazo para completar a sección, non queda outra que empezar a
dicir cousas sen parar mentes e a treu, tal como pillei os apuntamentos que me
foron cantando Tito e máis Mino, o cal entrara desde un principio na conversa.
Os do Fuelle é unha agrupación sen
ningún ánimo de lucro, que nunca cobra polas súas actuacións nin pensa cobrar.
Son 40 compoñentes con tan só dúas mulleres. E recalcáronmo, sinaláronmo de tal
maneira que me deron a entender (polo menos así o entendín eu) que tiñan que
animarse a entrar moitas máis, que o grupo está aberto a todos. O membro máis
veterano ten 80 anos e o máis párvulo 16. Ensaian dúas veces á semana. Os que
poden, claro. Pásalles coma coas actuacións: que nunca conseguirán xuntarse os
40 por esa diversidade laboral, xa que se non traballan uns traballan outros.
Proba disto é que precisamente este ano tiveron que rexeitar unha invitación de
Nigrán porque a ver quen era o chuliño que lle esixía a algúns dos compoñentes
que deixaran as súas vacacións coas familias para ir actuar. E entre os que xa
fallarían polos traballos...
O nome Os do Fuelle débese a que a
maioría dos instrumentos son acordeóns. Adoitan celebrar actos solidarios gratuítos
polo Nadal nas residencias xeriátricas ou da terceira idade en Esgos, Baños de
Molgas e Maceda. Tamén no instituto para os rapazolos. Gravaron xa un CD cos
seus propios medios nos Milagres e están preparando outro. Hai pouco fixeron
unha peculiar versión do famoso "Despacito" que empeza a circular
polas redes como a pólvora. Eles, faltaría máis, titulárono "Despaciño".
Non podía faltar nunha agrupación
altruísta, e na que hai moitos integrantes, o detalle sensible, esa acción
sentimental que penetra no peito de cada un, de cada lector, de cada oínte.
Resulta que un dos membros de Os do Fuelle, e a causa dun accidente, perdeu
unha perna que case o fundiu mentalmente ó verse con esa minusvalía; mais o seu
amor á música, o seu altruísmo á agrupación e o seu propio ánimo fixérono
rexurdir das súas cinzas. O que nos acontece máis ou menos a nós cando
escoitamos os temas da agrupación. A verdade é que Os do Fuelle, coa súa música,
resucitan ata un morto. Ou como diría Juan Luis Guerra, ó escoitalos, sóbesenos
a bilirrubina.
Café Brétema da Valenzá. Mércores,
16 de agosto de 2017
Publicado
en La Región o venres, 25-08-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario